La red museística recibe un premio de la Once por su accesibilidad

Os premiados, con Mario Outeiro, Feijóo, Mato, Rojo e Negreira, na Coruña. (Foto: EP)
photo_camera Os premiados, con Mario Outeiro, Feijóo, Mato, Rojo e Negreira, na Coruña. (Foto: EP)

O deputado responsable da área de cultura da Deputación, o nacionalista Mario Outeiro, recolleu onte na Coruña un dos galardóns dos V Premios Solidarios, concedidos pola Once-Galicia, no transcurso dun acto que tivo lugar no hotel Atlántico da cidade herculina.

A Once quixo recompensar con este premio o labor global de accesibilidade levado a cabo nos catro centros da rede museística provincial -o Museo Provincial, o do Mar, o pazo de Tor e o de San Paio de Narla- na categoría de accesibilidade universal. En concreto, o xurado destacou o programa ‘Pelexar polo imposible, loitar polo invisible’, que se desenvolve dende o ano 2008.

Mario Outeiro congratulouse do premio e felicitou polo mesmo «ao departamento de capacidades diferentes da rede museística, polo seu traballo destes anos a prol da accesibilidade global, porque é o noso traballo desde a área de cultura da Deputación para tratar de achegar a cultura a todas as persoas».

Sensibilidade

A xuízo do xurado, o traballo desenvolvido pola rede museística denota unha importante sensibilización e esforzo ó pór en marcha un paquete integral de actuacións en lugares emblemáticos, como son os edificios que albergan os museos.

Ó mesmo tempo, sublíñase que ó longo dos anos, a rede museística da Deputación lucense normalizou eficazmente a participación do colectivo de persoas con discapacidade en todas as actividades programadas.

Tampouco esqueceron a propia inclusión como traballadores dos museos de persoas con distintas discapacidades, o que consideran un exemplo de integración laboral, que é de suma importancia para o colectivo, e que debería ser exemplo para outras administracións.

Xurado

O xurado cualificador destes premios que concede a Once-Galicia estivo formado por Dolores Venancio, presidenta do consello territorial da entidade; Coro Piñeiro, secretaria xeral de Política Social da Xunta; Manuel Martínez Pan, delegado territorial de Once-Galicia; Anxo Queiruga, presdente do Cermi-Galiza; Paco Lodeiro, presentador de televisión, e os xornalistas Tino Santiago, Pablo Portabales, Antón Luaces e Ernesto Sánchez Pombo.

PROGRAMA
Dez anos traballando pola integración

O galardón que onte recibiu a rede museística lucense é un recoñecemento ó labor desenvolvido pola entidade dende o 2008 para asegurar a accesibilidade ós centros museísticos.

Neste senso, a xerente da rede, Encarna Lago, destaca a creación do departamento de capacidades diferentes e discapacidade, dende o que se planifican todas as actividades relacionadas con este colectivo.

Este departamento colabora activamente co tecido asociativo para organizar as súas actividades.

Traballadores

Encarna Lago tamén fai fincapé en que «o noso labor non se limita a eliminación de barreiras arquitectónicas, senón que á vez traballamos para ofrecerlle a persoas con discapacidade a posibilidade de integración no mundo laboral, para que sexan capaces tamén de prestar servizos como funcionarios públicos».

En resumen, Lago destaca que «o noso obxectivo é retirar a etiqueta de excepcional na aplicación da accesibilidade».

Comentarios