Blog | O voo da curuxa

Reorientar a mirada

NON SEI SE a seguinte situación lles di algo: hora de comer/cear, televisión accesa na cociña, charla desinteresada co ruído de fondo que chega do aparato e de pronto, comezan a falar e amosar imaxes de refuxiados, atentados, miserias, fames, deportacións ou crueldades tales que descualifican a calquera que se asome a elas. A un, sentado ante a mesa e asentado no primeiro mundo, se lle fai un pequeno nó na gorxa que impide o fluído trasfegar do bolo alimenticio. Rubricamos un ricto de indignación (breve, hai que recompoñer a faciana para facilitar a deglución), pronunciamos unhas verbas contra a inxustiza e a depravación social (allea, nós non formamos parte dela), botamos unha ollada aos nosos familiares (que nos recompensan pola actitude moral superior que acabamos de amosar) e continuamos, a partir dese momento, coa comida que espera no prato, coas novas imaxes que nos serven na pantalla e cos nosos lacerantes problemas cotiás. Así, entre todos conseguen que esquezamos aqueloutras imaxes tan desacougantes, distantes, alleas.

Lembran o que se indignaron coa imaxe do neno sirio afogado na praia? A que esa indignación decaeu co segundo neno afogado? A que despois de velos mortos, velos tremelar de frío xa non impresiona? A que estamos criando callo ante o sufrimento alleo? E, a que o callo e cada día máis grande e máis duro, tanto, tanto coma unha coroza? Pois velaí que a algúns nos dá de cando en vez por escarvar no callo, e resulta que debaixo del a carne é máis sensible. É doloroso, pero haino que facer; non para poder manter ergueita a mirada, a iso non temos dereito ninguén do primeiro mundo, senón só para non sucumbir ante a nosa ignominia moral. O que ocorre nas fronteiras de Centroeuropa, no corazón de África, no Oriente Medio, en Asia ou América do Sur, é responsabilidade do Occidente limpo e benpensante, dos pulcros cidadáns consumidores de produtos inmaculados, dos suxeitos de dereitos carentes de deberes, daqueles que non ven alén do seu embigo ou o seu interese. Como a periodista húngara, cambadelamos aos que máis o necesitan, e coma ela, despois demandámolos por interpoñerse no noso camiño. Mal que nos pese, parecémonos máis a ela que ao pai que cae coa filla en brazos.

Di Michel Foucault que hai momentos nos que mirar e pensar de forma diferente é a única posibilidade para seguir observando e reflexionando. Creo que este é un deses momentos, porque nós, cegos pola sobreexposición ás imaxes, temos que aprender a mirar de novo se queremos ver algo; porque apampados polo exceso de información banal que consumimos desaforadamente, temos que aprender a pensar outra vez desde a simplicidade do natural e desde a complexidade do humano.

Necesitamos facer este exercicio de renovación da mirada e do pensamento, non só porque nós somos o punto de encontro das crueldades e miserias da humanidade, en palabras de Gluksman, senón tamén, e sobre todo, porque nós somos a única posibilidade de superación desas mesmas crueldades e miserias.

J. Domingo de Prada
Grupo Doxa de Filosofía

Comentarios