de actualidad
Ángel Nieto Ángel Nieto
El reverso de la semana / A semana do revés

Carmen Uz

Votacion: 
5 (2 votos)

A política estéril aborrece

Hai anuncios cos que os partidos perden as vergonzas e os territorios, oportunidades

É ASOMBROSA a miopía e o descaro que amosan os partidos políticos neste país -así, en xeral- á hora de tentar sumar vontades e de xustificar accións. Axuda, parece evidente, o sentido pouco crítico do electorado -así, en xeral-, que só parece reaccionar en situacións extremas (11-M, profundísima crise económica como a dos últimos anos...). E o peor é que, ás veces, un non sabe moi ben para que, vistos os resultados.

Ese pasar por riba dos cidadáns toca teito nas campañas electorais, pero ten outro punto álxido cando se presentan os presupostos das administracións. A tres días de que se deran a coñecer os do Estado, ao goberno e ao PSOE lucenses pareceulles o momento de presentar unha ofensiva para tratar de que Lugo teña unha estación intermodal e tomaron a iniciativa de dirixirse a Fomento para constituír a comisión de seguimento que o ministerio, a Xunta e o Concello asinaron nun protocolo de intencións en 2010. Dende 2013 sábese que Fomento desistiu deste proxecto, e pode que neste tempo os representantes socialistas no Congreso o reclamaran, como fixo a alcaldesa ante o presidente da Xunta tras tomaren posesión unha e outro, pero non parece que fora casual o movemento de agora, que seguramente non levará a ningún lado.

Resulta igual de chamativo o anuncio da Xunta de que este ano vai facer estudos de intermodalidade na contorna da estación de tren. Os lucenses pensabamos que a intermodalidade era viable nese lugar, posto que, en 2011, representantes da Xunta formaron parte do xurado que elixiu un anteproxecto para unha estación desas características na zona, xunto a membros de Adif, do Concello e dos colexios galegos de Arquitectos e Enxeñeiros de Camiños. Daquela eran gobernos de distintas cores e entendíanse, ou iso parecía. Agora, co PP na Xunta e no Goberno do Estado, as administracións van por separado.

Un ano máis, nin Adif nin Fomento dispoñen partida para este proxecto, e a Xunta destina só 75.000 euros este ano, así que pode que a única forma que atopara de comprometerse con el fora con iso dos estudos previos. O PP non está por quedar sen alcaldía unha vez máis, e confía en que isto lle axude, como anunciar unha vez tras outra unha Comisaría e unha chea de servizos máis na antiga Residencia, incluso o día no que se sabía que os Presupostos do Estado non reservaban nin un euro para ela. A paciencia dos veciños deste barrio está ben probada.

No capítulo de singularidades políticas pode incluirse o manifesto do socialismo lucense para que o Ave chegue a Lugo. Presentouno despois de que os Presupostos do Estado non recolleran nada con ese nome, pero si 640 millóns para a electrificación e a modernización da vía Lugo-Ourense. A cifra parécese moito á da proposta que fixo hai uns meses o Eixo Atlántico nun acto que contou cun amplo despregue do socialismo lucense. Daquela víana interesante, agora parécelles pouco.

Diferenzas co 'Ave'

O GOBERNO non precisou en que consiste o proxecto de modernización da vía Lugo-Ourense: a velocidade máxima, o tempo de viaxe entre as cidades... Porén, no sector hai quen cre que, polo investimento que se baralla, pode que non haxa moita diferenza con outros 'Aves' galegos. De momento, nin sequera no eixo A Coruña-Vigo se superan os 220 kilómetros, a velocidade máxima que figura no proxecto do Eixo Atlántico.

Precisamos intermodal?

PRECISA Lugo, a capital e a provincia, unha estación intermodal? Ou traería máis rédito mellorar as instalacións existentes, que están ben próximas e poderían dispor dun bus que as conectara permanentemente, para centrar os investimentos na ampliación e mellora dos servizos ferroviarios? Máis liñas entre as cidades e as vilas, máis paradas, máis frecuencias e mellores horarios. Hai tanto que facer...

Cando hai servizos úsanse

SE OS GOBERNOS investiran en función das necesidades, as potencialidades e a importancia estratéxica dos territorios -non só hai que atender os grandes núcleos de poboación- destinarían máis diñeiro a melloras como a que Renfe fixo hai un ano en Lugo, con dúas frecuencias diarias máis en cada sentido a Madrid. Porque cando hai servizos úsanse. Nun ano os viaxeiros aumentaron un 12%.

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.