Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Un sorriso no peito

UNHA VEZ máis, a literatura afonda alí onde á vida lle custa explicarse. De novo a palabra impresa enche de claridade ese espazo que na realidade amósase entre a dúbida e o descoñecemento de gran parte da sociedade, dunha ignorancia que leva á falta de comprensión e á insolidaridade de quen se ve alleo a unhas circunstancias tan íntimas e cheas de sentimentos e sensibilidades.

22 segundos, de Eva Mejuto, visibiliza, dende a escrita, o tránsito da transexualidade

A literatura non debía permanecer máis tempo allea a un proceso, o da transexualidade, que está a provocar en moitos rapaces e rapazas unha complexa relación co seu contorno. Familia, centros escolares, veciñanza... son os espazos de convivencia nos que rachar os cristais nos que un ve reflectido aquilo que non é, desexando ser o que realmente é, outra persoa. Así é como se sobe un ousado chanzo da man de Eva Mejuto, que, con 22 segundos, editada en Xerais, asenta os alicerces desta problemática dunha maneira sinxela pero moi efectiva, a través dunha historia chea de momentos sinceros, conmovedores en ocasións, e nos que, axudándose de pílulas de humor, unha rapaza séntese atrapada nun corpo, pero tamén en toda unha serie de compoñentes sociais que non teñen que ver co que ela sente. A autora rodea á protagonista da súa familia, unha nai e un avó que son quen de entender e apoiar as súas aspiracións, e tamén dos rapaces e rapazas dun colexio no que é vista cunha lupa, vivindo situacións como a chegada do amor ou a relación cos médicos e terapeutas que levan a cabo ese proceso de transición, conformando un libro que pretende acadar "unha ollada crítica e aberta sobre o mundo", segundo comenta a autora. E iso é o que cada vez custa máis neste mundo, ter esa sensación de rachar os valos que tantas veces acernan as vidas de moitas persoas que non teñen a posibilidade de loitar polo seu futuro. O recoñecemento desa loita ou a concienciación sobre esa realidade que moitas veces ten consecuencias tráxicas en modo de suicidios ou do bullying, cada vez máis presente nos nosos colexios, está detrás da orixe deste texto, que se converterá en toda unha historia de vida, de medos que se van superando, de barreiras que se erguen, de aloumiños entre seres humanos nos que, ao fin e ao cabo, atopamos explicación a todo o que somos. Somos caricia.

Se algo nos amosou esta sociedade nos últimos tempos é a súa capacidade de cambio, a apertura en moitos aspectos, sendo un deles o da sexualidade, abofé un dos que rexistraban un maior atraso, de aí a velocidade dos cambios, converténdose o que foi un tabú permanente, e grazas á loita de moitos colectivos ao longo dos últimos anos, nunha visibilización necesaria e imprescindíbel para entendernos un pouco mellor, que é do que se trata. Do entendemento aliméntanse os espazos de convivencia que toda sociedade ten que ser quen de xerar, e para iso, se non sabemos o que somos, é moi complexo o avance que chegará de acadar o orgullo xeral a través do orgullo propio.

Do entendemento aliméntanse os espazos de convivencia que toda sociedade ten que ser quen de xerar


Vén de celebrarse en Pontevedra o FLOP (Free Life Orgullo Pontevedra) que, dentro das súas actividades, acolleu a presentación desta publicación. Alí, xunto ao editor do libro, Manuel Bragado, e a autora, estiveron dous mozos transexuais, Marcos Ceive e Éric Dopazo. A experiencia do primeiro deles é a que serve de sustento real a esta historia, na que Eva Mejuto acerta sobre todo no ton que latexa en toda ela, isto é, afastándose de dramatismos ou leccións, repousando nunha vida que se pode case tocar, existencias que un ten moi preto e que moitas veces non é quen de detectar. Nenas que non queren coletas, rapazas que queren xogar ao fútbol, mozas que non gustan de ir vestidas como bonecas... pequenos detalles que neste relato achégante moito ao que se conta dentro dunha sociedade na que Eva Mejuto, ademais das cuestións propias do asunto cerna do relato, tampouco esquiva outras como a falla de investimentos nas bibliotecas para seguir medrando nos seus fondos ou o caso das preferentes, que tan presente está aínda na nosa sociedade. Esa mesma sociedade é a que ten que buscar respostas ás demandas da poboación dende as administracións, e así é como acollemos con optimismo, á espera do seu axeitado desenvolvemento, a nova de que Galicia disporá dunha unidade de referencia para a atención á transexualidade en menores e dun observatorio contra a discriminación das persoas LGTBI que terá sede en Compostela.

Eva Mejuto escribe no final do libro, volvendo a unhas palabras dun dos personaxes máis marabillosos do mesmo, o avó do protagonista, que "o que non se di é coma se non existise". O certo é que xa é hora de existir e de converter esa cicatriz no peito nun sorriso de esperanza, dignidade e orgullo.

Comentarios