Opinión

Anna, Arvida e mais Sophia

Poñer podre a Anna Gabriel por como viste e obxectivizar sexualmente a Inés Arrimadas son as dúas caras do mesmo andazo social

LA RUPTURA de España preocúpame o xusto estes días porque asisto con ollos pampos e flocos de millo á caída do produtor de Hollywood Harvey Weinstein. Un dos nosos (dos deles). Benfeitor das campañas de Obama e de Hillary Clinton. Xeneroso con plataformas que defenden dereitos sexuais e reprodutivos como Planned Parenthood. Un tipo que compadreaba coa cuadrilla dos Matt Damon, George Clooney e Ben Affleck e que durante décadas se valeu da súa posición para violar e acosar mulleres da industria. O feito de que dúas actrices poderosas como Angelina Jolie e Gwyneth Paltrow teñan elevado a voz axuda a outras, menos coñecidas e, mesmo anónimas, a sentirse acompañadas.

A sororidade, amigas. Que importante e canto temos que coidala. Este mesmo martes, a teor dos impactos e comentarios nas redes sociais, a líder das CUP Anna Gabriel semellaba a auténtica protagonista do pleno do Parlament de Catalunya. Eu agardaba ler sisudas opinións acerca do seu discurso, contidos, propostas. Só atopei vómitos e bile. Mala baba. Veleno. Unicamente referencias ao seu peiteado, aos furados das súas orellas, á roupa que levaba posta. Insinuacións e mesmo acusacións explícitas de que vai pouco lavada e de que precisa desodorante. Sábelo ti que só a viches pola tele e de esgueira, meu rei.

Levamos tan mal a heterodoxia e a disidencia (nin falo de pensamento) que o feito de que alguén —unha muller!— nun espazo político teña unha aparencia diferente a como nos fixeron crer que deberían lucir aqueles e, sobre todo, aquelas que se dedican á cousa pública supón un cataclismo.

Cando lle incorporas á receita caspa e balor dos que non se van nin con augua quente e xabón Lagarto, torna intorelable. Se lle engades a misoxinia rampante, vólvese un auténtico pesadelo.

2017. Ameazas de violación a unha modelo por non depilar as pernas


A semana pasada, a sueca Arvida Byström recibiu milleiros de ameazas de violación. Nin ser tan mainstream como pode selo unha modelo internacional loura e fraca nin protagonizar campañas de Adidas son óbice se cometes unha transgresión imperdoable; neste caso, non depilar as pernas. Estamos en 2017, lembren. Europa. 


Cada vez que os da carcundia saen co pouco feminino que resulta o vello corporal véñenme ao recordo as fotografías de Sophia Loren. En branco e negro e tecnicolor, xa sexa en bañador, en vestidazos marabillosos nos festivais de Cannes e Venecia ou ao xeito 'mamma' italiana en publicidade de conservas. Con pelo nas axilas. Hai unha serie de instantáneas, da rodaxe de Dúas noites con Cleopatra, de 1954, nas que asemade se percibe a feluxe das pernas da Loren. Que poderían ser cañotos e tampouco pasaba nada. Última hora: ás mulleres adultas nácennos pelos máis aló da melena, as cellas e as pestanas.

Poñer podre a Anna Gabriel por ir (disque) mal vestida e obxectivizar sexualmente a Inés Arrimadas ou a Andrea Levy como posuidoras dunha beleza que concorda cos cánones occidentais deste tempo son as dúas caras do mesmo andazo social, aínda que haxa a quen lle coste velo. Estou certa de que o problema está en quen insulta, vexa e despreza, mais ao tempo non podo senón anceiar que as mulleres da escena pública, mesmo nas antípodas éticas e estéticas de Gabriel, dean un paso á fronte e arroupen a compañeira que está a ser agredida.

Comentarios