Opinión

Malnacidos

NON PENSO falar máis do 'procés'. Que dialoguen ou non, que cheguen a acordos ou non, que se independicen ou non. Que se aplique o 155, o Código Penal ou un manual interpretativo de dereito romano. Ou que non fagan nada e sigan ensinándose os dentes, cada un no seu curruncho. Que se amañen. Non é cousa miña. Estou farto de discutir e de gastar saliva. Canso de dous meses monotemáticos nos que apenas queda tempo para tratar outros asuntos que tamén están a pasar neste país. Temas importantes, que nos afectan a todos. Estou saturado de escoitar sempre os mesmos argumentos. Esgotado de tanta pallasada e teatro do malo. Que vou, que me que me quedo, mira que marcho. Hai máis problemas polo mundo adiante, ao carón da casa de cada un. Dicía esta semana unha política local, de Lugo, que ía poñer un cartaz na sede do seu grupo para deixar claro que aquel é "un espazo libre de Cataluña". Tivo que arder media Galicia para que o persoal caese na conta de que tamén pasan cousas, e mesmo desgrazas, fóra do territorio desa comunidade autónoma. A nosa xente volvía a dar nos últimos días un exemplo do que somos como pobo. Uns poucos queiman, pero outros moitos apagan as lapas. Un bo amigo comentaba nas redes sociais que o pau da nosa bandeira son os caldeiros que levaban na man os veciños para matar o lume. O mesmo que provocaron os malnacidos que arrasan a terra que nos da comer. Todo hai que dicilo.

Non podemos esquecer que Galicia non ardeu nos últimos días, queimárona

Penso que o acontecido o domingo é o resultado de moitos factores que se conxugaron para provocar unha gran traxedia ambiental. Aínda andaban os medios de extinción e os veciños loitando a brazo partido contra o lume e xa había manifestacións en tódalas cidades galegas para buscar culpables do acontecido. Que se os eucaliptos colonizan o noso territorio, que se os brigadistas foron despedidos antes de tempo, que se a política forestal da Xunta é nefasta e carece de medidas de prevención. Seguramente, todos esos aspectos tiveron algo que ver, moito ou pouco, co acontecido. En todo caso, non estaría de máis lembrar que Galicia non ardeu esta semana. Queimárona. Foi algo premeditado, a mala fe, por xente que sabía como e cando facelo. O propio Colegio de Ingenieros de Montes tivo que saír ao paso do que chamou, por dicilo finamente, "tópicos erróneos". De feito, pediulle a "tódolos actores" que elevasen "o nivel do debate" e priorizasen "o fondo do asunto por riba de intereses máis mediáticos". Descartou como causa un hipotético beneficio económico para o sector da madeira, ademais de aclarar que a lei só permite recalificar terreos afectados por incendios en caso de imperiosa necesidade por parte do interese público. Tamén precisou, de xeito moi oportuno, que "tódalas especies vexetais arden", polo que "culpar a unhas ou a outras dos incendios está fóra de lugar". De feito, o único que está claro a estas alturas é que nos lugares nos que o monte está ordenado e produce un beneficio económico, como sucede na Mariña, arde menos. Con eucaliptais ou sen eles.

No Parlamento, pouco sacamos en limpo. O de sempre. Non aprendemos absolutamente nada do acontecido. Seguimos nas mesmas. Hai que reflexionar antes de berrar. O que acontece está moi relacionado coa propia despoboación do rural. Na miña parroquia, en aldeas nas que antes latexaba a vida, agora só se ven vellos e domicilios pechados. As silvas e os toxos chegan a mesma porta das vivendas. Eu mesmo pasei as de Caín para chegar a semana pasada a unha finca que está a poucos metros da nosa casa petrucia. Os camiños están pechados pola maleza. O que antes eran prados, agora é unha selva. Falou con cabeza o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez. Dixo que "todos", a Xunta de Galicia, os concellos e os propios veciños teñen que asumir as súas obrigas para que unha situación como a dos últimos días non se repita de novo. O goberno galego ten que ordenar o territorio e a produción forestal, pero as administracións locais tamén teñen que obrigar aos propietarios a manter limpas as parcelas ao carón dos núcleos habitados. O voceiro do goberno local de Lugo, Miguel Fernández, falaba de prevención e recordáballe a Feijóo que "o lume se apaga no inverno", pero ao mesmo tempo tiña que encaixar as críticas da oposición polo deficiente que foi nas parroquias o desbroce de pistas e zonas públicas. Uns por outros, a casa está sen barrer.

Despois queda o debate dos brigadistas. Entendo que, dadas as condicións climáticas, non foi intelixente, e moito menos prudente, deixar caducar o contrato dos fixos-descontinuos. Agora ben, coas fortes rachas de vento, a seca prolongada, trinta graos de temperatura e combustible en abundancia, quen podía parar os incendios. Xa o dixo o alcalde de Cervantes, que algo sabe. Comentou que se non chega a chover, "había lume para un mes".

Dito todo isto, non debemos esquecer que chegamos a esta situación por culpa dun grupo de desgraciados. Alguén se beneficia deste caos. Para buscar aos culpables ao mellor hai que seguir o rastro dos cartos. Normalmente, é o que move a miserables e ruíns.

Comentarios