ÚLTIMA HORA

Unha muller en Lugo falece ao precipitarse desde un cuarto cando limpaba as fiestras

de actualidade
Eva González Eva González
TRAS O <b>DESALOXO EN SARRIA</b>... 
Votacion: 
No hay votos

Unha xuíza paraliza temporalmente a corta de árbores na ribeira do río en Sarria

201403251508_Ff__TEJ5888.JPG.

201403251508_Ff__TEJ5888.JPG.


Unha xuíza ditou un auto no que ordena a paralización da talla de árbores na ribeira do río Sarria durante tres días, á espera de que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil presente a documentación correspondente á execución do proxecto de encanamento e os permisos para realizar esas obras, segundo informaron fontes oficiais.

En todo caso, os mesmos informadores precisan que a orde xudicial non implica a paralización das obras. Esta mesma mañá, más dunha vintena de axentes antidisturbios da Garda Civil desaloxaron  o campamento que desde hai máis dun mes mantiña a Plataforma polo Río, en Sarria, contraria ao Plan de Encauzamento que estaba a empezar a desenvolverse na zona do Malecón. A pesar de que o luns o Concello e a Confederación suavizaron o proxecto para facelo máis acorde coas peticións dos manifestantes, este martes á primeira hora presentouse a Garda Civil e prohibiu a entrada á  illa onde mantiñan estes días un campamento de protesta.

A decisión da xuíza produciuse despois de que a citada plataforma, o colectivo que se opón á execución dese proxecto tal e como está concibido, reclamase os servizos dun notario para levantar acta do que estaba a suceder e presentase unha denuncia ante o Seprona.

Os membros desta plataforma cuestionaron que a talla desas árbores de ribeira contase co preceptivo permiso da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, dado que están situados a poucos metros do Camiño de Santiago.

O colectivo veciñal tamén interpuxo a denuncia ante o Seprona porque se "as árbores que están a tallar estaban enfermas", a concesionaria estaría "a incumprir a propia normativa" que regula como teñen que realizarse esas curtas para evitar a propagación das pragas, segundo explicou un dos portavoces da plataforma, Roberto Irimia.

Pola súa banda, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) aclarou que os traballos que está a desenvolver a empresa concesionaria do proxecto para canalizar o río Sarria contan "con todos os permisos", incluído o da Dirección Xeral de Patrimonio, para traballar nas inmediacións do Camiño de Santiago ao seu paso por esta localidade lucense.

Fontes do organismo de conca tamén aclararon que se está cumprindo o anunciado onte" polo presidente da CHMS, Francisco Marín, e que se talará o mínimo necesario para que as máquinas poidan moverse".

Ao despregamento da Garda Civil, para evitar incidentes e garantir a seguridade na zona de obra, referiuse este mediodía en declaracións aos medios de comunicación o subdelegado do goberno en Lugo, Ramón Carballo, antes de participar nun acto institucional.

"A presenza policial da Garda Civil é a normal nun caso" deste tipo, precisou Ramón Carballo.

Carballo aclarou que a CHMS presentou onte "un escrito en Subdelegación do Goberno", no que pedía que se desaloxase a zona de obra", por motivos "de seguridade" e para poder renovar os traballos.

"Iso foi o que se fixo. Por parte da Subdelegación do Goberno déuselle orde aos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, neste caso á Garda Civil, para que se fosen a Sarria e desaloxasen", aclarou.

O subdelegado precisou que o desaloxo se produciu esta mañá "e non houbo ningún tipo de incidente".

"A xente saíu e, neste momento, a zona de obra está valada e a xente que protesta está fóra da zona de valado", engadiu Carballo, quen insistiu en que "non houbo ningún outro incidente", salvo que "houbo que identificar a dúas persoas que se negaban a saír nun primeiro momento, pero que ao final saíron" sen provocar altercados.

Por outra banda, uns corenta membros da Plataforma Sarriá polo Río, tras ser desaloxados, concentráronse no Concello da localidade para esixir unha reunión co alcalde, o popular José Antonio García.