O petróglifo de Vilasouto está danado por marcas de actos vandálicos

O gravado carece de sinalización e dalgún elemento que impida pisalo. Figura recollido na guía de patrimonio do Incio
Inscricións no petróglifo
photo_camera Inscricións no petróglifo

O petróglifo de Agro do Pepe, sito en Vilasouto (O Incio) e considerado como un dos máis interesantes da provincia de Lugo polo experto Xabier Moure, presenta danos causados ao longo dos últimos anos por actos de vandalismo e consistentes en debuxos de corazóns e inscricións de nomes de persoas, que contribuíron a deteriorar un ben patrimonial. 

Este elemento, que durante a maior parte do ano se atopa cuberto polas augas do encoro, encóntrase en situación de risco sobre todo na época de verán porque, tal e como denunciou hai uns días o historiador, é empregado como trampolín por bañistas, que tamén depositan nel as súa toallas. 

Este mesmo martes, Xabier Moure rexistrou senllos escritos dirixidos ao Concello do Incio, os grupos políticos con representación municipal e o departamento de Patrimonio da Xunta instando a tomar medidas para a protección e sinalización deste conxunto que data da Idade do Bronce.  

Xabier Moure: "Polo perigo que corre o Agro do Pepe, urxe buscarlle unha solución se non queremos que se perda definitivamente"

"Aínda que son totalmente partidario de manter os monumentos in situ, no presente caso, polo perigo que corre o Agro do Pepe, urxe buscarlle unha solución se non queremos que se perda definitivamente", sinala no escrito. 

Segundo expón, "ademais da erosión que a auga está a producir na base do soporte pizarroso, as gravuras foron obxecto de actos vandálicos ao longo do tempo coa inscrición de nomes de persoas que visitan o lugar", a última delas denunciada polo propio Moure en xullo do pasado ano. 

O historiador declárase partidario do traslado do petróglifo para garantir a súa seguridade e impedir a erosión causada pola auga, mais considera que o fundamental en todo caso sería "sinalizalo" para informar da súa importancia e establecer, como mínimo, "algún tipo de estrutura sinxela para evitar que sexa pisado, algo que, de feito, está prohibido". 

PANEIS EXPLICATIVOS. O encoro de Vilasouto "é un sitio moi visitado no verán", apunta o historiador, quen entende que unha boa sinalización do petróglifo de Agro do Pepe, mediante paneis explicativos, xunto coa correcta conservación serían "un atractivo indubidable para a contorna". 

O Concello do Incio, con cuxa alcaldesa non foi posible contactar este martes, editou hai un tempo unha guía do patrimonio do termo municipal, na que se recolle a existencia destes petróglifos prehistóricos, "situados en rochas de lousa na área de asolagamento do encoro, polo que durante boa parte do ano non poden verse". Segundo recolle a publicación, o conxunto ten representada unha figura semiesquemática, ademais de 14 figuras cruciformes, once ferraduras e "moitas cazoletas". 

Preto do lugar localízase tamén a antiga igrexa de Vilasouto, un templo de orixe románico que se atopa sen culto dende os anos 70 cando se construíu outro a raíz da creación da presa. Esta igrexa, que se atopaba en serio risco de derrubamento, foi sometida a finais do ano 2014 a unha primeira fase de restauración, financiada con 68.500 euros pola Deputación Provincial de Lugo e o Bispado, a cal afectou ao teito e ás portas. 

Naquel intre, o colectivo Lugopatrimonio lanzou a proposta de facer desta igrexa un centro de interpretación dos bens da zona, entre os que se contan castros, igrexas románicas, a necrópole de Santa Mariña e o petróglifo de Vilasouto, entre outros.

Comentarios