Sandra Tenreiro:"‘InfuSons'’ son tisanas musicais que me axudaron nalgúns momentos"

A igrexa dos Vilares acolle este sábado,ás 20.00 horas, un recital poético-musical no que intervirá a coruñesa afincada en Cambre Sandra Tenreiro, quen dará a coñecer o seu proxecto máis persoal, '‘InfuSons'’, así como algúns dos poemas de Díaz Castro musicados por ela dentro do traballo no IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, onde leva 14 anos como profesora de Música
Sandra Tenreiro
photo_camera Sandra Tenreiro

Este sábado participará no acto da Nova Poesía Guitirica, en que consistirá a súa intervención?

Para min é un orgullo, logo de ter composto a música para unha decena de poemas da obra poética de Xosé María Díaz Castro, participar apoiando como un membro mais á Nova Poesía Guitirica e a asociación cultural Lareira de Soños. Admiro que traballan con forza, por recuperar e poñer en valor o patrimonio cultural e artístico de esta terra. O seu traballo ten ademais moito en común coas actividades dinamizadoras que organizamos na biblioteca e os roteiros guiados polo nosos alumnos para dar a coñecer a outros centros o poeta e a vida na aldea naqueles tempos. O sábado interpretarei algúns dos temas da obra poética 'Nimbos' e tamén algún tema do meu proxecto persoal como cantautora'InfuSons'. Deixarémonos levar pola forza dos interesantes protagonistas que están en cartel para esa tarde e calquera sorpresa pode acontecer.

Que é 'InfuSons'?

Son moitos anos dedicados a compoñer suxeita a diferentes parámetros, un labor de crecemento e aprendizaxe que me achegou moitísimo. Agora tiña a necesidade de botar fora todas esas ideas: son tisanas musicais que me axudaron en momentos importantes e que pretenden axudar a espertar a forza e atopar novos camiños nos que se toman un tempo para escoitalas. Trátanse temas como o apoio as mulleres que están en situacións de violencia de xénero, a nobreza da figura dos avós, o amor a terra e a vida, o respecto, a reivindicación a facer na vida aquilo que realmente nos gusta loitando por levar as nosas ideas adiante independentemente de non ter o tempo ou os recursos e medios materiais para facelo doutro xeito. Penso que isto é o que teño que dicirlles tamén aos meus alumnos, non se pode perder o tempo chorando polo que non tes, é un pretexto para non loitar.

"Esperamos a saída de 'Nimbos de Música', a gravación que fixemos no centro para recoller o meu traballo compositivo sobre Díaz Castro" 

Que significa a música na súa vida?

Realmente non coñezo a ninguén que sexa capaz de desligar a música de momentos claves na súa vida, mesmo o silencio é moi necesario neste mundo no que se está a perder o tempo de escoita. Nos seus traballos, os meus alumnos definen a música como respecto, solidariedade, concentración, esforzo, integración, emoción, loita, movemento, liberdade, mensaxe, amizade, sentimento, tolerancia, equipo... eles son por natureza grandes expertos, só necesitan un profesor especializado que os guíe, que lles abra novas portas, que os invite a entender e coñecer dun xeito distinto a realidade musical. Axudalos a ser músicos segundo eles definen a música.

Un mundo sen música sería...

Como unha terra sen lingua, como un pobo sen xente, un corpo sen sangue, ou vulgarmente coma unha sopa sen auga... non sería un mundo!

Unha curta da súa autoría 'Pingas de Auga', levou un segundo premio no concurso Ktorce 18 e tamén foi finalista no Festival de Cine de Roca, como se reciben estes recoñecementos?

'Pingas de auga' foi unha curtametraxe feita na aula de música de 2º da Eso, coa finalidade de motivar e buscar resposta e actitude de traballo nun grupo que necesitaba unha meta para botarse a correr. Despois por casualidade descubrimos a posibilidade de presentar a nosa idea ao concurso organizado pola asociación Arela e a Fundación Barrié. Pero se falamos de premios, eu tiven o primeiro nas miñas mans no momento en que a un grupo numeroso, complexo, heteroxéneo e con moita riqueza que non conseguía erguer por outros medios, lles propuxen falar de acoso escolar e por primeira vez e con unanimidade me miraron con ollos ben abertos dicindo: "Adiante que temos que facer..." e puxémonos a traballar. O resultado, xa o coñecedes, un marabilloso recurso didáctico audiovisual que nace nunha aula de música con todo integramente feito por nós, dende a primeira imaxe ata a última nota que soa, con cero euros e medios ordinarios pero ilusión extraordinaria. A curtametraxe foi tamén finalista no Festival de Cine de Música en Roca, o noso traballo no medio de outras curtas internacionais de gran valor e mensaxe social, foi unha noticia fabulosa en canto a que a difusión da nosa idea chegaría máis lonxe. Como xa comentei nalgunha outra ocasión, o premio de 'Pingas de Auga' non cabe en ningún Festival de Cine, está na xente que axuda a difundir ideas como esta que poden previr condutas contrarias á convivencia nos centros.

"Na outra beira' é unha homenaxe a todos aqueles rapaces que por cincunstancias allesa a eles mesmos se ven na obriga de abandonar as súas terras"

Cos seus alumnos de Música do instituto de Guitiriz desenvolveu numerosos proxectos, como musicar poemas de Díaz Castro, que cre que lles achega aos alumnos este tipo de experiencias?
O poder didáctico pedagóxico da fusión da poesía e da música non é unha novidade na formación da xente nova, xa ven de moitos séculos atrás. A sensibilidade dos rapaces ante os textos poéticos e grande, se engades o acompañamento harmónico respectuoso que fai resaltar a expresión verbal das palabras dun poeta, podes descubrir cos alumnos verdadeiramente o que é 'poesía en movemento', polos corredores do instituto. Para que vos fagades unha idea, o último proxecto onde fusionamos poesía, música, voz falada e cantada e expresión corporal, foi no traballo levado a cabo polo grupo de música de 4º de Eso. Alí naceu 'Na outra beira', unha proposta que estreabamos a final de curso, unha homenaxe a todos aqueles rapaces que por circunstancias alleas a eles mesmos; situacións políticas, familiares ou sociais, se ven na obriga de abandonar as súas terras. Foi unha fermosa montaxe escénica, musical e poética ( poemas de Díaz Castro, Rosalía entre outros). A idea orixinal xurdeu entre os rapaces do grupo que estaban a vivir esta situación con compañeiros chegados dende moi lonxe ao seu centro.

Como responden os rapaces a este tipo de iniciativas?

Os alumnos implícanse plenamente, empatizan cos protagonistas creados a medida que vou escribindo o argumento da historia e a música vai medrando, vou presentando os actos pouco a pouco e eles mesmos crean en pequenos grupos de traballo escenas, traballan a música nas clases prácticas instrumentais e valoran e corrixen os textos, aprenden os poemas e ven neles novos significados dentro do contexto da obra. É unha forma diferente de impartir a materia, pero moi enriquecedora para todos.

Entre os moitos traballos feitos, destacaría algún?

Todos foron estupendos.A primeira vez que sonaba a música de 'Penélope' composta por min e saía da aula de música con catro alumnos máis para subirnos xuntos a un escenario e arrancar este longo camiño; a banda sonora do documental 'A lus do mundo', onde participou todo o alumnado de música; a obra escénica musical 'A noite é necesaria', que contaba como a poesía e a música enchía de lus a vida dun rapaz; 'Na outra beira', tantos temas inéditos e poemas musicados presentados xunto coas lecturas de poemas no mercado polas Letras Galegas, unha actividade promovida polo equipo da biblioteca do noso instituto; a visita ás bibliotecas doutros compañeiros para cantar a nosa música, contar contos musicados creados integramente e interpretados polos alumnos de música... e seguiría ata mañá. Todas foron e son importantes porque no momento en que se levan a cabo foron un camiño de superación e de traballo, xurdiron no momento xusto para dar resposta a unha necesidade do grupo de alumnos, social ou cultural que estaba acontecendo. Agora esperamos a saída á luz de 'Nimbos de Música', o proxecto de gravación musical que fixemos no centro para recoller o meu traballo compositivo sobre Díaz Castro coa interpretación musical do alumnado que estivo comigo durante estes catro últimos anos de traballo. Sen o seu esforzo na aula non sería posible, eles foron os mellores compañeiros que puiden ter, respectuosos sempre e alegres a rabiar, que máis podo pedir? Non o esquecerei nunca.

"Eu non faría todo o que fixen sen eses primeiros pasos na miña formación musical na escola pública"

Na súa opinión, ocupa a formación musical o oco que debe na ensinanza? Que cambiaría?

Evidentemente, na actualidade a formación artística nos centros educativos neste pais ocupa o oco que lle deixaron os que pensaban que un país con menos formación cultural, artística e musical sería mellor. Eles non miraron ao seu redor, aos que xa pasaron por isto, e non puideron ver que os países que están levantando novamente a ilusión e a motivación na xuventude están a reforzar as ensinanzas artísticas no ensino público e apoiando a creación de centros culturais e de formación para a aprendizaxe musical, que favorecen o diálogo e as relacións entre membros dunha comunidade e o crecemento persoal nos tempos de lecer. Falta equilibrio nas ofertas educativas, estas deberían ter en conta a diversidade dos nenos e dos rapaces, as súas necesidades persoais, intelectuais e físicas; deberían ser plurais, polivalentes e heteroxéneas, con profesorado especializado e non baseadas en intereses políticos e económicos. A aprendizaxe artística e musical nun centro de ensino público é imprescindible, non ten os mesmos obxectivos xerais nin desenvolve as mesmas competencias nos rapaces que a formación específica e maxistral que se ofrece nos conservatorios e que é, en moitos casos, un privilexio para poucos. Eu non faría todo o que fixen sen eses primeiros pasos na miña formación musical na escola pública.

Comentarios