O pasamento alén dos Ancares

Por que non se varre de noite? Que ocultan os cruces de camiños? Por que se lles fala aos defuntos? Existen os aparecidos, as ánimas, as visións? A cultura da morte condiciona inconscientemente os hábitos de vida e as montañas de Lugo atesouran ritos e crenzas que axudan a manter unha boa relación co alén
En torno á cruz do mosteiro de Penamaior, en Becerreá, dise que se axeonllaba a Santa Compaña para buscar salvación
photo_camera En torno á cruz do mosteiro de Penamaior, en Becerreá, dise que se axeonllaba a Santa Compaña para buscar salvación

A cultura da morte é dogma para os galegos e nos Ancares roza a categoría de lei. As sociedades rurais conservan ritos e costumes que as montañas custodiaron ao longo dos séculos, un tesouro compartido entre vivos e mortos.

En Galicia non hai mortos, senón defuntos, e esta distinción conleva un trato diferenciado. O defunto é unha persoa mentres está exposto e o velorio é un trámite para que pase a outra vida. Non se lles di adeus, senón que se asume que a partir dese momento o trato con eles será diferente.

A persoa que morre perde o corpo, pero a súa alma cobra presenza na vida dos achegados. Nos Ancares consérvanse tradicións marcadas polo respecto aos defuntos e, aínda que moitos ritos se perderon, algúns integráronse na vida cotiá. Xabier Moure, do colectivo Patrimonio dos Ancares, documentou centos deles.

Daquela que non había tanatorios, toda a parroquia se implicaba cando morría un veciño. Había que axudar a familia e o defunto. O primeiro era preparar o corpo e avisar da morte. Onde non chegaba o son das campás (que nalgúns lugares, como en Becerreá, tocaban diferente se morría un home ou se era unha muller), alguén tiña que ir porta por porta, con sol ou con neve.

Os defuntos da montaña gozan dun trato especial que garante o seu benestar no alén e o bo recibimento se voltan con boa intención


Ao defunto falábaselle para que se deixase vestir mellor. Pechábaselle a boca para que non chamase por outro e os ollos para que non pousase a mirada en ninguén, pois esa persoa tería que seguilo no camiño do Alén.

Nos Ancares colocábase unha fouce sobre o corpo, para protexelo do demo, e se non había un espazo mellor na casa, o defunto situábase na lareira ou no hórreo. Os veciños acudían con comida, acompañaban a familia e axudaban a levar o cadaleito no enterro.

En Navia e Cervantes, os achegados facían o rito do abellón. Rodeaban o corpo collidos das mans e daban voltas en corro emitindo un zumbido como o do insecto para espantar os malos espíritos. Se alguén se soltaba antes de rematar, morría axiña.

Á hora do enterro, os nenos sacábanse da casa e o gando pechábase na corte, para que a sombra do defunto non lles fixese mal.

Os ritos no traslado ata o cemiterio son tantos coma lugares hai nos Ancares, pero hai unha constante: os cruces de camiños. Son lugares enigmáticos, cargados de lendas e paso habitual da Santa Compaña. Por eles transita o ben e o mal e ao longo da historia foron escenario de ritos de fecundidade, sanación ou purificación, pero tamén para convocar o demo. Nos cruces enterrábanse os nenos non bautizados e adultos que a Igrexa non quería nos cemiterios.

Nestes cruces paraban habitualmente os enterros: en Murias (Navia) un home levaba un banco para pousar o cadaleito mentres lle rezaban; en Vilavexe (As Nogais) cambiaba de sentido o cadaleito; cerca de Moreira (Cervantes) cravábase unha cruz na terra por cada morto. En Rao (Navia) e nun lugar entre Donís e Robledo (Cervantes), as cruces cravábanse en carballos.

A despedida dos seres queridos é relativa. Consérvase o hábito de falar con eles, cada un cos seus. Os vivos van ao cemiterio pedir consello ou contar novidades.

Os defuntos devolven as visitas ás veces. A menos benvida é a Santa Compaña, porque anuncia a morte, pero os aparecidos soen ser amables. Nos Ancares abundan as historias de persoas que aparecen de repente nos camiños cando alguén necesita orientación, no medio da neve cando a ventisca cega ou para advertir dalgún perigo.

Na noite de defuntos, as presenzas son esperadas. En Robledo de Rao (Navia) os aparecidos xúntanse na fonte, e en Robledo de Son consérvase a tradición de poñer un prato na cea para o defunto. En toda a comarca, por cada castaña que se come ese día líbrase unha alma do purgatorio.

Na noite de defuntos, as chemineas dos Ancares fumean ata o amencer porque se deixa un pau aceso toda a noite para que as ánimas se quenten. Pero este non é o único día que se achegan. Poden vir calquera outro, por iso non se pode varrer de noite, para evitar expulsalas sen querer cando intentan achegarse ao lume.

Os veciños dos Ancares tamén coñecen a Ánima Soila. Cada un ten a súa e é quen esperta a quen debe madrugar. Chega con rezar un Nosopai a véspera. Tamén hai quen di que non debe rezárselle porque é o demo.

AVISOS. Nos Ancares hai persoas ás que se lles atribúe a virtude de predecir acontencementos. Os responsadores anuncian o bo e o malo (aínda viven algúns en Becerreá e As Nogais) e en Pedrafita había vedoiros que prevían desgrazas (bautizados con auga empregada nun enterro ou por un cura cunha estola que usou para tal fin).

Son moitos os sinais que anuncian a morte. Hai quen escoita un redobre de tambor ou unha curuxa. Tamén é mal sinal cando dous corvos camiñan á par pola fonte do Cando, cando unha pega se pousa nunha ventá de Viladicinte, cando a campaíña da capela de Corneantes toca soa ou cando unha lousa do tellado repetica contra outra en Robledo de Son. En Vilarello de Donís é o Renubeiro quen augura o pasamento e en Navia, O Busgoso ou O Choco, que vive no monte. En fronte están as saludadoras, nacidas en sábado e que combaten os malos espíritos.

E toda crenza require festa. En Becerreá hai As Ánimas e As Candeas, nacidas dos ritos de iluminación, fecundidade e protección.

Os Ancares preservaron unha herdanza ameazada pola modernidade, unha cultura da morte que debera ser eterna.


Comentarios