Patrimonio dos Ancares recupera en Baralla dous machados do Neolítico

O colectivo califica o achádego de "excepcional" por tratarse de exemplares escasos na comarca
Pezas achadas en Mazaílle
photo_camera Pezas achadas en Mazaílle

Varios integrantes do colectivo Patrimonio dos Ancares localizaron a pasada fin de semana dous machados de pedra puída do Neolítico que estaban en posesión de Guillermo Frey Lamela, veciño do lugar de Mazaílle, no municipio de Baralla. Foi o propio Lamela quen se puxo en contacto co colectivo para poñer no seu coñecemento a existencia dunhas pezas que sempre considerou curiosas, segundo indica o presidente do colectivo, o historiador Xabier Moure.

"O señor Guillermo descoñece en que sitio da aldea foron atopados, se ben cremos que é probable que proveñan da necrópole megalítica coñecida como O Queimado, a uns 600 metros de Mazaílle, onde están documentadas cinco mámoas, e onde a súa familia sempre traballou a terra", indica Moure. O historiador cualifica o achádego como "excepcional", ao tratarse de exemplares pouco frecuentes na comarca dos Ancares, e tamén na provincia de Lugo.

"Ata o presente, deste período só tiñamos documentadas nos seis concellos da comarca dúas pezas, unha en Padornelo (Cervantes) e outra en San Martín de Neira de Rei, tamén en Baralla", indica. Na provincia de Lugo, segundo os datos que manexa o colectivo, tamén se atoparon machados neolíticos nos concellos de Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guntín de Pallares, Lugo, Meira, Monterroso, Outeiro de Rei, Pantón, Vilalba e Xermade.

Moure explica que os machados son os obxectos máis antigos do Neolítico, polo que os atopados en Baralla poden ter unha antigüidade de entre 6.000 e 7.000 anos. O primeiro, ao que lle falta unha parte, mide 9 centímetros de longo e cinco de ancho na súa parte central; o segundo, triangular, atinxe os 15 centímetros de lonxitude e os 4,5 de ancho. A súa pequena dimensión e boa factura os sitúa, segundo Moure, máis como parte dun enxoval funerario que como ferramentas de traballo.

LANZA DE BRONCE. Ademais dos machados do Neolítico, Guillermo Frey Lamela atesoura unha lanza de bronce que encontrou hai 50 anos, cando andaba coas vacas no castro de Croas, en Mazaílle. Para Xabier Moure trátase dunha peza do Bronce Final, cunha antigüidade mínima de 700 ou 800 anos antes de Cristo.

"Por referencias recollidas noutras ocasións, tamén apareceron muíños circulares de man, algunha peza de ferro, anacos cerámicos e tégulas, feito que podería levar a pensar nunha longa ocupación do sitio, aínda que isto polo momento sexa só unha hipótese", conclúe.

Comentarios