de actualidade
foto Mª T. Campos
 
Votacion: 
5 (1 voto)
Galicia 0

Patxi López pide en Pontevedra que o PSOE deixe os "espectáculos de división"

O aspirante a secretario xeral mantivo un encontro cun centenar de militantes no Café Moderno

O aspirante a secretario xeral do PSOE Patxi López pediu este domingo "pasar páxina" tras os "espectáculos de división" que protagonizaron os socialistas nos últimos meses, e buscar "unidade e encontro" para reconstruír un partido "forte e unido" e cun proxecto "claramente de esquerdas".

En declaracións aos medios antes do encontro cun centenar de militantes no Café Moderno de Pontevedra, López instou aos socialistas a reclamar un proxecto de partido "claro, nítido e razoable" que non participe en "actos de fusión ou confusión" coa dereita ou con "outras forzas" da esquerda.

A militancia socialista, dixo o expresidente do Congreso, pasouno "francamente mal" pola convulsión dentro do PSOE, polo que reclamou que tras este proceso interno se abra un "tempo de unidade e encontro" porque nun partido que siga dividido "dá igual quen gañe as primarias porque perderemos todos". "Nun PSOE onde sigamos gritándonos entre nós, fóra non nos vai escoitar ninguén", afirmou o candidato ás primarias socialistas.

Patxi López asegurou que máis aló das primarias "temos que pensar que facemos ao día seguinte", polo que reiterou que se é elixido secretario xeral do PSOE "o primeiro que farei" é chamar aos outros candidatos para buscar unha integración que permita contar cunha dirección "compartida" e un proxecto "colectivo".

No caso contrario, engadiu, "non me irei do partido e quedarei para axudar" e traballará para que "nos volvamos a xuntar" e que o PSOE sexa a "referencia" da esquerda "que necesita este país".

O dirixente socialista explicou que, neste sentido, négase a "clasificar" aos militantes "en bos e malos, en vermellos ou azuis ou en esquerda e dereita" porque entende que esa conduta "vai propiciar unha nova fractura".

López defendeu, iso si, o traballo da xestora do PSOE e ante as críticas do equipo de Pedro Sánchez á presunta parcialidade de Ferraz sinalou que "non podemos estar a xogar a crear dúbidas ou sospeitas sobre o procedemento".

O exlehendakari defendeu a "imparcialidade" e a "profesionalidade" dos traballadores do partido que xestionan os censos de militantes e, en canto ao financiamento, apoiou que os candidatos abran unha conta "para que todo sexa transparente" e quede rexistrado "quen achega e como se gasta" porque niso, dixo, "non pode haber ningunha dúbida".

XESTORA GALEGA. Con respecto ao futuro do partido en Galicia, Patxi López indicou que o PSOE ten que "ordenar e integrar" o partido "en todas partes", aínda que sinalou que o caso galego é "especial" porque hai "varias xestoras".

"As situacións de interinidade non son boas e os debates que só son internos tampouco son bos", afirmou López, que espera que todo este proceso quede pechado "antes do verán" e que, a partir de aí, o PSOE traballe para "recuperar a confianza" do votante progresista.

"Temos que pechar este capítulo canto antes e buscar a maior unidade cunha proposta que sexa entendible, razoable e que esperte unha nova esperanza de que o socialismo é a alternativa para xente que o está pasando mal", concluíu o candidato socialista.

Comentarios

fotoOs comentarios enviados fóra do horario de moderación, serán aprobados ao día seguinte

Serán borrados os comentarios que conteñan insultos e/ou contados inadecuados Para calquera dúbida, consulta a guía de comentarios.