Ramón Villares recibe hoxe o premio Puro Cora

O presidente do Consello da Cultura Galega e catedrático de Historia recollerá o galardón en Lugo

Ramón Villares. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Ramón Villares. VICTORIA RODRÍGUEZ

O presidente do Consello da Cultura Galega, académico da Real Academia Galega (RAG) e catedrático de Historia Ramón Villares recibirá este martes en Lugo o premio Puro Cora que convoca El Progreso como recoñecemento á súa traxectoria profesional.

O acto de entrega da vixésima cuarta edición do premio Puro Cora terá lugar ás 14.30 horas no centro impresor de El Progreso no polígono de O Ceao, o centro fabril do grupo de comunicación fundado en Lugo en 1908.

Á cerimonia está prevista a asistencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, así como de outros integrantes do seu gabinete, representantes políticos locais, autonómicios e estatais e representantes da cultura, o xornalismo, a empresa e a sociedade civil luguesas e galegas.

Actuará como anfitrioa a presidenta de El Progreso, Blanca García Montenegro, xunto co director xeral, José de Cora Paradela; a adxunta á Presidencia, Blanca de Cora García Montenegro, e o director de El Progreso, Lois Caeiro.

O xurado do premio Puro Cora acordou distinguir a Ramón Villares (Cazás, Xeramade; 1951) co máis importante recoñecemento que concede El Progreso en virtude dunha carreira profesional como historiador, divulgador e docente que o ten erixido "nunha das máis destacadas figuras da intelectualidade galega".

Como sucede "co xornalismo de rigor", o tratamento do temas e a amenidade dos temas son dúas constantes dos manuais de Ramón Villares, "nos que boa parte dos galegos actuais coñeceron a historia de Galicia".

Comentarios