O grupo de teatro infantil Pimpim presentará o acto

Guadi Galego presenta en San Cibrao 'O mundo está parado', o seu último disco

A metade dos temas son creacións propias nas que reflexiona sobre o mundo actual ► O Concello de Cervo promove este directo dunha das mellores artistas do pop galego
Guadi Galego, no concerto do pasado venres en SantiAutor
photo_camera Guadi Galego, no concerto do pasado venres en SantiAutor

O Concello de Cervo volve a apostar pola música en galego para conmemorar o Día das Letras e faino ao grande, co concerto ás oito desta tarde na casa da cultura de San Cibrao de Guadi Galego , "un referente da música galega e que está moi de actualidade", segundo sinala Dolores García Caramés, a edila de cultura cervense, que presentará diante do público mariñán o seu último traballo O mundo está parado.

Esta cita coa música en galego en San Cibrao xa tivo o seu precedente o pasado ano coa actuación de Roi Casal. O Concello apostou por repetir a fórmula dado o éxito acadado o pasado ano. "Confiamos en que haxa cheo na casa da cultura, porque a ocasión mereceo e Guadi Galego é unha gran artista que se ven movendo no panorama musical de Galicia, onde ten un nome", subliña Caramés.

A propia artista está ansiosa por volver a tocar na Mariña, onde non está dende a presentación do seu segundo disco, Lúas de outubro e agosto no 2014 en Ribadeo, polo que volve con ganas a unha terra que coñece moi ben e que lle encanta, pois "eu son daquí ao lado, de Cedeira, e teño esa coñexión cos norteños", aos que aproveita para invitar a acudir a un concerto "que é ademais a unha hora que a min me encanta e que creo que é ideal para unha xornada festiva", recoñece.

Dolores García Caramés, concelleira de Cultura: "Guadi Galego é unha gran artista, que é un referente da música galega e agora mesmo está moito de actualidade"

"Quixemos repetir este formato de acto, porque o ano pasado a actuación de Roi Casal tivo moito éxito"

VIDEOCLIP. A súa conexión sentimental coa bisbarra vén tamén da man do cineasta xovense Xacio Baño, quen dirixiu o videoclip do Cedeira, o primeiro single do seu último disco, O mundo está parado, que tocará íntegro na súa actuación en San Cibrao, onde o público tamén poderáescoitar cancións do seu traballo anterior que, xunto con Benzón, conforman os tres traballos en solitario que compoñen a discografía da cantante.


Uns álbumes que a catapultan como unha importante figura no pop galego, que comezou a súa carreira moi nova, como integrante de Berrogüeto.

Unha dilatada experiencia no panorama musical no que alterna a interpretación coa composición e, de feito, seis dos dez temas do seu último traballo levan o seu selo. "Gústame moito interpretar, porque é pasar polo teu filtro temas doutros compositores, pero agora mesmo, neste momento da miña carreira, non podería vivir sen compoñer", asevera con sinceridade sobre unhas letras nas que reflexiona sobre a necesidade de pararse a sentir, a reflexionar, a respirar... nun mundo que, a pesares da súa aparente velocidade e exceso de información ao que está sometida toda a sociedade, está parado no humano.

Sobre o escenario, Guadi Galego, que tamén toca o teclado, estará arroupada por outros catro músicos –dúas guitarras, un baixo e unha batería– que ofrecerán un concerto moi similar aos que están marcando esta xira do seu último traballo. Sen embargo, os directos son sempre especiais e aínda que similares tamén distintos entre si, pois "cada un é distinto do outro, porque é o público o que marca os tempos, metade e metade", confesa a artista poucas horas antes de subirse ao escenario sancibrense.

Comentarios