«Casares lera a Fole e non o recoñeceu»

? Armando Requeixo sinalou en Lugo nunha charla sobre o escritor ourensán que a súa relación con Lugo foi, sobre todo, literaria ? O profesor e crítico literario deu unha charla co gallo do Día das Letras no que remarcou a conexión fabuladora de Casares e Cunqueiro
Armando Requeixo fala con Carmen Basadre antes de disertar sobre Carlos Casares.
photo_camera Armando Requeixo fala con Carmen Basadre antes de disertar sobre Carlos Casares.

LUGO. O profesor e crítico literario Armando Requeixo falou onte en Lugo sobre o autor homenaxeado nas Letras Galegas, Carlos Casares. Indicou que «a súa relación con Lugo foi, sobre todo, literaria; a través da súa amizade con Ánxel Fole ou Álvaro Cunqueiro».

Carlos Casares acudiu a un encontro con Domingo García Sabell e Ramón Piñeiro no que había «un señor un tanto estrafalario; con arrancadas xeniais, pero pintoresco». Cando se interesou polo aquel home, informárono de que era Ánxel Fole, ao que Casares admiraba como escritor.

A partir de aí, a súa relación foi excelente porque «Fole era moi boa xente e facíase querer e porque Casares vía nel unha sorte de xemelgo porque Fole era un gran contador oral, que fora criado na oralidade, como lle acontecía a el», apuntou Armando Requeixo, que engadiu que o homenaxeado nas Letras Galegas deste ano vía o autor lucense como un membro da xeración anterior nesa tradición que el renovou partindo dese sustrato máis radical no sentido de raíz».

Casares tamén coidou a amizade con Álvaro Cunqueiro, «con quen tiña un ‘feeling’ especial», sinalou o conferenciante. Fixo ver tamén que «a relación co mindoniense foi máis doada porque se vían en Vigo e porque coincide con el na parte de fabulador»; de feito ‘Os escuros soños de Clío’ ten influencia do autor mindoniense, segundo Armando Requeixo.

TODOTERREO. O profesor incidiu en presentar a Carlos Casares como unha figura dunha dimensión cultural que excedía ese plano de «contador de historias» que foi a que se impuxo na visión do gran público. Moito máis alá de ser un narrador oral dotado, «era un todoterreo» que «foi sensible ás lagoas do campo literario» do seu tempo. Como exemplo, Requeixo citou que «ao detectar que os rapaces non tiñan literatura infantoxuvenil en galego, escribiu ‘A galiña azul’ en 1968. Cando soubo que os colexios non tiñan teatro infantil en galego para representar, escribiu ‘A laranxas máis laranxas de todas as laranxas’». O mesmo fixo con biografías de clásicos como Risco, Otero Pedrayo ou Lamas Carvajal. A falta de obras da literatura universal solventouna con traducións de Saint Exupery ou Hemingway.

Esas versións de obras escritas noutras linguas son parte do seu labor de editor, que deu «máis de mil obras en galego, con autores que empezaban ou coleccións novas, como a Biblioteca Básica Galega, onde hai libros de historia ou filoloxía que son o esquelete do país».

Requeixo suma aos méritos do homenaxeado «o pulo que lle deu, xunto con outros, á autonomía a través de normas como a Lei de Normalización Lingüística ou a CRTVG».

«Ao estar tan exposto»nos variados cargos que ocupou, como a presidencia do Consello da Cultura ou a dirección de Galaxia, provocou que «outros non se sentisen tan atendidos»

Ánxel Fole Carlos Casares preguntou a Piñeiro e García Sabell quen era aquel señor tan estrafalario; con arrancadas xeniais, pero pintoresco» Lagoas Para Armando Requeixo máis alá de ser un narrador oral dotado, foi sensible ás lagoas do campo literario do seu tempo» Editor O seu labor de editor deu «máis de mil obras en galego, con coleccións novas ou autores que empezaban»

Comentarios