Moncho Borrajo: "O cómico tapa outras facetas, é un desperdicio"

O humorista presentou o recompilatorio 'Escolma do humorismo gráfico' en Lugo ► Citou a viñeta galega, con Castelao e Maside á fronte, como grande influencia
Moncho Borrajo, este mércores na firma de exemplares en Lugo
photo_camera Moncho Borrajo, este mércores na firma de exemplares en Lugo

Moncho Borrajo rexeitou este mércores en Lugo ser coñecido como humorista e non como artista plástico. "O cómico tapa as outras facetas, non me molesta; pero é un desperdicio", indicou en referencia á súa actividade como pintor –estudou a carreira de Belas Artes tras empezar a de Arquitectura– ou de debuxante. O artista ourensán (Baños de Molgas, 1949) estivo na Feira do Libro para presentar Escolma do humorismo gráfico (Areosa, 2007), no que reúne os tres libros de viñetas que publicou con Planeta –en español– e os dous que editou Ir Indo –en galego–.

O volume recolle unhas catrocentas viñetas que se remontan ás primeiras que publicou en prensa, na valenciana, cadrando "coas primeiras eleccións democráticas", aínda que defende que as súas obras "non tratan de política, senón da vida en xeral".

Xa daquela optou por diferenzar o rectángulo co debuxo e o texto, "sen facer bocadillos", dado que a súa inspiración eran os galegos Castelao e Maside. Tamén escolleu a súa liña clara e o seu xeito de contar, "de non buscar facer rir, senón sorrir", porque o seu humor "é galego".

Borrajo chegou a Lugo antes da hora necesaria para participar na lectura colectiva dun libro de Manuel María

O humorista ourensán argumenta que "cando ves un debuxo de Castelao no que hai señoras da alta sociedede ou políticos, a frase que os acompaña non é para rir, senon para dicir: Carallo, como llas tira!". Engade que esa insinuación "forma parte do humor galego, onde temos moito de denuncia soterrada, deixada caer",para concluír sinalando que "o humor galego non remata a frase".

Outro elemento diferenzador foi que, "en vez de facer caricatura política, como na República e na Ditadura", escolleu el mesmo como personaxe. "O meu físico, coas miñas lentes, é facil de caricaturizar, e quero empezar por rirme de min mesmo", asegura. Aínda que se gaña a vida coa palabra, Moncho Borrajo está convencido de que "debuxando pode dicirse moito máis que falando".

O oficio de pintor, que aínda alenta, nótase moito nos debuxos que teñen "unha composición, que é xeométrica, nos debuxos triangulizados e nos horizontes marcados".

Para Borrajo, Maruja Mallo  "forma parte da época máis sobresaínte da pintura galega"

Moncho Borrajo menciona a Maruja Mallo entre os referentes da súa atracción polo xeometrismo. A artista de Viveiro "forma parte da época máis sobresaínte da pintura galega". Sobre ela, pensa que "foi unha artista moi valente, cun modo de traballar moi limpo", que é algo que o creador tamén destaca de Escolma de humorismo gráfico.

O humorista fixo este mércores por chegar antes da hora programada para a sinatura dos seus libros coa intención de participar na lectura colectiva da obra da Manuel María Ritual para unha tribo capital do concello.

"A min interésame Manuel María como me interesa todo o que ten que ver coa cultura galega porque, a pesar de que vivín moitos anos fóra, sigo falando e escribindo en galego", defendeu antes de anunciar a próxima sadída de dous novos poemarios no idioma do país, Vento do norte e do sur e Din que a lúa non chora. "Aínda que teño vinte libros, non me chaman para cousas de escritores porque son cómico", lamentou.

Comentarios