Os oradores de Becerreá crean escola

Os gañadores do Parlamento Xove aceptan o reto da Deputación de impulsar un certame de debate lucense
Alumnos e profesores do IES de Becerreá, co presidente e co vicepresidente da Deputación, no pazo de San Marcos
photo_camera Alumnos e profesores do IES de Becerreá, co presidente e co vicepresidente da Deputación, no pazo de San Marcos

Os alumnos do IES de Becerreá que ano tras ano copan os primeiros postos da liga autonómica de debate Parlamento Xove aceptaron este mércores o reto da Deputación de Lugo de impulsar un certame de debate a nivel provincial. Os estudantes que participaron na última edición, na que o grupo de bacharelato se fixo co primeiro premio, foron recibidos onte no pazo de San Marcos polo presidente da Deputación, Darío Campos, e polo vicepresidente e tamén alcalde de Becerreá, Manuel Martínez.

No transcurso do encontro, Campos felicitou tanto a rapaces coma a profesores polo seu traballo e os seus reiterados éxitos e pediu a súa colaboración para organizar un encontro de debate provincial. Segundo fontes da Deputación, a proposta "foi moi ben recibida" polo alumnado e os mestres do IES de Becerreá, que acordaron manter novos encontros para concretar os detalles da iniciativa.

O obxectivo sería "formar os máis novos en oratoria e debate e implicalos en asuntos que afectan á provincia lucense", apuntan desde a institución provincial.

Os representantes do instituto becerrense xa teñen experiencia niso. Levan tres anos sen rival no Parlamento Xove. O ano pasado impuxéronse tanto na categoría de Eso como na de bacharelato, e este ano lideraron de novo este último grupo.

Pero os seus logros non rematan aí, pois recentemente foron seleccionados no primeiro posto para participar nun torneo nacional de debate cun total de 33 equipos, entre os que figuran tamén representantes dos colexios lucenses Maristas e San José. A final desta competición dialéctica terá lugar en Madrid, os días 1 e 2 do próximo mes de xuño.

Para este novo reto, o equipo de Becerreá estará integrado por María Núñez Pérez, Silvia López Soto, Xoel Rodríguez Poy e Marcos Montaña Fernández, e coordinado polo profesor Xulio Teixeiro.

O alcalde de Becerreá e tamén vicepresidente da Deputación, Manuel Martínez, agradeceu aos seus veciños "a tradición que estades a crear entre os mozos do noso concello de participar en eventos de tanta importancia coma este, que requiren moita preparación, esforzándovos ata quedar, por terceiro ano consecutivo, nos mellores postos".

Comentarios