Un país líquido

Entre a posverdade e a realidade líquida, case prefiro o segundo. É unha escolla estética, pero non tanto. Galicia é unha nación líquida en estado de evaporación. Así no teatro como nos montes. Agora chega o verán. E os festivais. E os lumes

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

O CONCEPTO do bo tempo non o teño claro. Sei o que dicta a convención, pero non me cadran as contas: bo tempo en función de que? Nunha economía capitalista o bo tempo debe ser o que permite producir máis. Quizais haxa bo tempo para o Banco Santander e tormentas estendidas para empregados do Pastor. Os seres humanos somos animais e, polo tanto, preferimos que non chova, non estamos ben construídos para soportar a auga e o frío. Tampouco a calor excesiva, pero se nos mira optimistas e seguimos definindo o bo tempo así. Con ceos despexados.

En nada comezarán os festivais de verán. Este ano haberá algún menos. En Galicia padecemos unha forma sutil de disolución. Lenta pero segura, definitiva e sen seguros. Somos un pobo líquido e estamos evaporándonos. Porque din que vimos da auga, porque somos tranquilos de chuvia e calma e a medida que nos quitan a agua só nos queda esa paciencia practicada como unha complicidade con quen nos espolia. Somos difíciles de convencer un a un, pero de mil en mil somos unha ganga.

Haberá menos festivais escénicos porque a pesar de que na sociedade todo é teatro, xusto no teatro de verdade non se quere investir moito


Este ano haberá menos festivais escénicos de verán e non creo que sexa por esa lapidación do destino que sostén que todo vai a menos. Haberá menos festivais escénicos porque a pesar de que na sociedade todo é teatro, xusto no teatro de verdade non se quere investir moito. Haberá menos teatro este verán e, de ser posible, alguén decretará que haxa menos verán entendido como bo tempo.

De momento haberá menos teatro e os festivais teñen un punto de praia porque hai moitos espectadores que só van ao teatro cando hai festival. Algúns teñen esa idea de que o teatro é máis atractivo cando está ben enmarcado por un título que lle dea carácter, que o convirta nunha cita á que é máis difícil deixar de ir. É un paradoxo que a mesma obra de teatro fóra e dentro dun festival teña ostensibles diferenzas no número de espectadores. Sempre a favor dos festivais. É curioso, quizais, pero ten sentido na sociedade do acontecemento. Un festival é un feito na vida dunha localidade, unha función non. De maneira que un festival é, polo tanto, un reclamo sobre a vida escénica dunha localidade. Un punto de fuga que obriga a unha parte da sociedade a mirar ao teatro, sequera unha vez ao ano. Os puristas poderían dicir que se un país, unha cidade, unha vila, ten unha boa programación escénica estable non precisaría dun festival e, sen embargo, as cousas da escena non son mecánicas. E os galegos tampouco. Porque conectan as compañías con públicos menos frecuentes, porque dan corpo ao teatro dun país e porque ademais van mantendo ese aire festivo ligado ao teatro, que é un toque que non queda mal. Non todo van ser romarías políticas. Porque un festival é o medio líquido no que nada o teatro. Haberá que hidratar o país. E xa postos mineralizalo. Ou igual chega con cumprir o que di o himno e espertar. Aínda que sexa baixo a chuvia.

Comentarios