Observación de estrelas

Expertos en patrimonio piden para Os Ancares un plan de xestión integral

Pedro de Llano, Felipe Arias e Javier Castroviejo abriron o curso de verán da USC en Piornedo
Pedro de Llano e Javier Castroviejo, este xoves en Piornedo
photo_camera Pedro de Llano e Javier Castroviejo, este xoves en Piornedo

Expertos en patrimonio material e natural participaron este xoves na xornada inaugural do curso de verán que a Universidade de Santiago de Compostela (USC) celebra en Piornedo (Cervantes) e fixeron un chamamento ás administracións para poñer en marcha un plan de "rehabilitación integrada" que atenda á conservación dos Ancares desde todos os ámbitos económicos, sociais e patrimoniais.

O curso, baixo o título 'Biodiversidade e patrimonio nos Ancares lucenses: pasado, presente e perspectivas de futuro', estudará durante catro días distintas propostas para promover o desenvolvemento socioeconómico dos territorios da montaña lucense.

A saída deuna Pedro de Llano, quen disertou sobre a palloza como exemplo de arquitectura bioclimática. Explicou como os seus moradores, con medios moi limitados, conseguían manter unha temperatura interior agradable "nos tempos nos que había moita neve e 15 graos baixo cero no exterior".

Contou como as pallozas se semienterraban na ladeiras, cun tellado de palla en forma de casco de barco invertido para minguar a acción do vento e medio metro de espesor no colmo. Aproveitaban a calor do gando, que compartía espazo vital coa xente, e a do forno e do lar, que estaba aceso todo o día.

De Llano animou os asistentes a utilizar os cinco sentidos para percibir a palloza e serviuse dun documento audiovisual para mostrar os sons que emite, dende as vacas ata o lume do lar, o cheiro a fume e estrume e o tacto da madeira vella e a palla, entre outras sensacións.

De Llano compartiu protagonismo con Javier Castroviejo, quen falou do patrimonio natural pasado e das perspectivas de futuro. Ambos coincidiron na necesidade de que as administracións se impliquen na súa conservación cun plan de "rehabilitación integrada da comarca dos Ancares que debe abarcar tanto aspectos económicos como sociais, culturais, patrimoniais e naturais".

Felipe Arias fixo retroceder os asistentes ao pasado e mostroulles os valores arqueolóxicos das serras orientais da provincia de Lugo, outro tesouro que conservar.

Comentarios