A Mariña e Lugo festexaron o Carme con gran fervor

Pescadores e turistas entoaron a salve á súa Virxe tanto en Foz, Viveiro ou Cervo. Lugo honrouna tamén. O Vicedo celebrou o seu festexo ecuestre

AÍNDA que na Mariña quizáis haxa menos cidadáns vivindo da pesca, practicamente non hai ningún no litoral que non teña un familiar que traballara o estea traballando hoxendía neste duro labor. Nun municipio por exemplo coma o de Foz, que xa é eminentemente turístico como se evidencia nestas datas, a lembranza aos finados na mar seguen a ser moi emotivas para a vecindade e vemos tamén para quen vén de fóra ou para os que teñen unha segunda residencia na vila.

O bispo mindoniense Luis Ángel de las Heras destacou o que representa a imaxe, a talla en si, da Virxe do Carme en Foz. De feito, houbo altares ao paso da procesión a pé polas alfombras florais que decoraban o viario, destinado a lembrar a aqueles feligreses que achegaron cartos para encargar esta especial escultura. Hoxendía constan catro barcos de cerco e outros tantos de baixura en Foz, porque o groxo da actividade mudou para as instalacións portuarias máis avanzadas de Burela, pero o sentir popular en torno ao eido pesqueiro segue a ser moi fondo nesta vila.

O momento máis emotivo da xornada é aquel no que se pousa a Virxe na dársena para que reciba unha ofrenda. Habitualmente é o alcalde, Jorge Javier Castiñeira, unha das dúas persoas encargadas desta parte da homenaxe pero el viu convinte cederlle nesta edición esta honra á súa convenciña, Mercedes Rodríguez, no seu primeiro ano coma directora xeral de Pesca da Xunta. Ela fíxolle entrega dun ramo de flores á imaxe do Carme, xunto co patrón maior da cofradía, José Juan Lestegás. Entre outras autoridades, estiveron presentes tamén por parte do goberno galego a secretaria da Mesa do Parlamento, Raquel Arias; o deputado Daniel Vega, e en representación da Deputación da Lugo acudiu a alcaldesa de Trabada, Mayra García.

"Grazas a todas aquelas persoas que levan máis dunha semana traballando nas alfombras florais, na preparación dunha emotiva procesión que volveu ser multitudinaria e grazas a todos os que fan posible as actividades das Festas do Carme de Foz", subliñou o rexedor da vila mariñá, Jorge Javier Castiñeira.

Tras esta festividade, Foz prepárase para o concerto entre a París de Noia e a Panorama, que terá lugar, como vén acontecendo nos últimos anos en San Martiño de Mondoñedo na vindeira fin de semana.

Aínda que en Viveiro a gran festa do Carme con procesión marítima será a próxima semana en Celeiro, onte tamén o barrio da Pescadería celebrou esta festividade coa presenza de autoridades locais, nomeadamente a da alcaldesa, María Loureiro, con integrantes da corporación, pero tamén membros dos corpos policiais, local e nacional. O desfile foi seguido por veciños e turistas desde a saída no casco antigo da cidade ata a dársena, onde se fai a ofrenda floral aos falecidos no mar e o regreso á vila.

San Cibrao, en Cervo, tamén honrou á Virxe nunha procesión á que asistiu o delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro.

LUGO. A capital da provincia tamén homenaxeou á Virxe do Carme cunha misa seguida de procesión que comezou na igrexa que leva o seu nome.

Por outra banda, nas Pías houbo tanto unha misa como unha sesión vermú que contou cun nutrido grupo de veciños, quen deron mostras do seu fervor relixioso na mesma medida que a súa alegría á hora de bailar.

CABALOS. Aparte, na Mariña, a XIX edición da Festa do Turismo Rural e do Cabalo congregou no Vicedo a deceas de turistas e de afeccionados á equitación. A asociación cabalar da zona, o Concello e a Deputación, saben sacar proveito da chegada dos visitantes para organizar unha xornada con carreiras coma as de trotóns aproveitando a presenza dos turistas, co que serve como reclamo turístico. Centos de persoas comen baixo unha carpa antes de ver o espectáculo ecuestre no mirador do parque eólico de Riobarba. Degústanse productos típicos e houbo unha misa na honra de San Vicente de Francos. A organización repartiu 1.200 euros en premios.

Comentarios