David Veiga: "Canto pachangueo, pero tamén me encanta Michael Bublé"

David Veiga deuse a coñecer en 'Recantos'. Hoxe segue vencellado á música con Punto y Aparte, que compaxina cun ciclo superior de telecomunicacións
David Veiga, cantante de Lóuzara (Samos)
photo_camera David Veiga, cantante de Lóuzara (Samos)

Que estaría vostede a facer tal día de verán coma hoxe cando era cativo?
Eu sempre recordo os meus veráns de pequeno na casa de meu pai en Lampazas, en Samos. A música xa tiña peso daquelas, pois no tempo libre sempre andaba con ela ás voltas. Ademais sempre había algunha festa ou verbena nas cales desfrutaba moitísimo.

Entón vostede diría que foi por aquel entón cando decidiu ser artista, ou isto ocorreu máis tarde?
Eu coido que todo foi por mor dos amigos e da familia que me animaban, pois eu sempre cantaba na casa cando había comidas. Pero o que menos agardaba era poder chegar a vivir disto, aparte de estudar. O certo é que todo comezou nesas reunións familiares e con amigos, pois eles foron os que me empuxaron a presentarme ao concurso dos Recantos en Luar. Moitos que non coñecían esta faceta miña quedáronse alucinados porque se preguntaban: "Como pode cantar?", a pesar de que xa tiña eu subido ao escenario nalgunha festa.

Por qué escolleu entón 'Recantos' para darse a coñecer ao público?
Simplemente presenteime por probar sorte; de feito recordo dicirlle ao meu pai: "Mañá vén o meu irmán comigo que me vou presentar aos cástings do Luar". E lembro que el me dixera sorprendido: "Se atenderas a estudar!". Claro que o que menos pensaba eu era que me ían coller!

Unha vez dentro de 'Luar', como viviu a experiencia?
Moi ben! A primeiras, se un pensa que debe ir todos os venres a Luar pois ao mellor pode darlle preguiza. Sen embargo, souben que tiña que ir alí a desfrutar e o curioso foi que sen darme de conta estiven case un ano na tele, para min todo acabou moi rápido.

Cambioulle a vida 'Recantos'?
Si, pois en base a isto comecei co dúo Punto y Aparte as fins de semana, os venres sempre estaba o Luar e logo durante a semana tamén tiña que estudar. Eu coido que non era plenamente consciente de todo o que me estaba pasando e cando me dei de conta o tempo voara.

"Sen darme de conta estiven case un ano na tele, para min todo acabou moi rápido"


Sentíase identificado coas cancións que lle mandaban cantar dende o programa?
Primeiramente, quizais o que máis me custaba era o feito de cantar as cancións traducidas do castelán ao galego. Se eran temas propiamente en galego estaba ben, mais o cambio de idioma era complicado. Sen embargo, á vez tamén vexo normal que un programa da Televisión de Galicia queira mostrar como soa a música en galego. En canto ao estilo, había cancións que si, outras que xamais escoitara... un pouquiño de todo!

Houbo algún tema que desfrutase especialmente?
Cando cantei Campanera encantoume.

E algún que se lle atragoase?
Cocinero, cocinero de Antonio Molina.

As súas influencias musicais cales son?
Obviamente polo mundo no que estou o que canto é pachangueo e verbeneo, é dicir, todo ambientado ás festas. Pero, por exemplo, a min alguén que me encanta é Michael Bublé.

En que anda mergullado este verán?
Este verán teño moitas festas e verbenas fixadas co trío Punto y Aparte, xa as tivemos todo o ano e agora, en agosto, máis.

E despois do verán?
Pois cara ao inverno teño novos proxectos como un disco con algún tema propio e versións. Gustaríame un disco con oito temas ou nove, algo sinxelo para que quede algo físico.

Gustaríalle entón deixar a un lado o estilo das verbenas e encamiñar ese CD cara o estilo de Michael Bublé?
Gustaríame e se fago algo supoño que será por ese estilo. Mais teño que mallalo moito pouco a pouco.

Como se ve vostede cando pase unha década?
Dedicándome a musica soamente non, polo que imaxínome un traballiño estable, é dicir, facendo algo que me gusta combinado coa música. Un soño que teño en mente é estar nunha cadena de radio, xa que o certo é que hoxe en día traballar na música non é nada fácil

Comentarios