"Ese autoodio que temos os galegos con moitas cousas véxoo un erro"

No seu laboratorio, cos comentarios dos seus clientes e grazas ao ensaio-erro, a artesá constrúe os seus característicos zocos que xa son unha marca: Eferro
Elena Ferro
photo_camera Elena Ferro

Eferro é un negocio familiar, en que momento decide modernizalo, pasar os zocos á rúa?
Sempre pensei niso; non foi unha decisión tomada un día que pensara: "Vou facer isto". Non. Como eu sempre estivera no taller, dende pequena, vivín a decadencia deste calzado, o rexeitramento aos zocos, que me levou a mediados dos anos noventa a facer cambios. Nós combinamos o oficio de zoqueiros ca marroquinería, que foi o que nos axudou a manter o taller aberto, e empezamos a facer bolsos, carteiras, moedeiros.

Ou sexa que traballaban tamén con coiro
Si, efectivamente. Pero claro, eu non quería que os zocos desaparecesen porque son un calzado que nos protexeu durante moitísimo tempo. E ese autoodio que temos os galegos con moitas cousas parecíame que era un erro. É un calzado que está moi asociado á pobreza, pero que protexe os pés. A súa función principal é gardarnos do frío e da auga e era unha pena que deixara de existir un oficio así. A mediados dos anos noventa, comenzaría a facer cambios. Que non tiveron ningún éxito, por suposto. (Risos)

Como cales?
Das primeiras cousas que recordo foi pintarlle a madeira de cores ao zoco. Despois xa alí empecei a usar outras peles, cambiar a cor marrón tradicional. E despois si que empecei a facer cambios na forma da madeira. Ía facendo experimentos. A nosa forma de venda é nas feiras e alí ves rapidamente como reacciona a xente ante calquera cousa ou cambio que fas. Era evidente o fracaso, neste caso (risos), pero o importante era crer no que fas e traballar moito.

E como fixeron para cambiar o deseño e que funcionase?
Unha das partes máis importantes foi cambiar a forma da madeira. Claro, non son casualidades. Estiven estudando sobre o tema e vendo o que pedía a xente e o trato con eles. E claro, antes os zocos empregábanse máis en terra, herba e terreos mullidos. Agora pisamos terreo duro, cemento, baldosa. Había que cambiar a inclinación e curvatura da madeira para que non tire tanto do talón ao camiñar. Teñen que entrar pola vista, pero o máis importante e que sexan cómodos. O calzado é moi importante, porque estamos todo o día enriba dos pés. Poste unha camisola e pode ser máis ou menos bonita, pero uns zapatos incómodos pódenche amarghar o día. Seguen tendo as funcións principais, non é algo decorativo que logo non poidas ir á auga con eles. Seguen sendo para quentar os pés.

Chámame moito a atención iso, que tamén poidan levarse á auga...
Nós usamos coiro de vaca, que fai estampado nos estilos que queiras. E moitas veces a xente pensa que non se poden mollar, que se van borrar ou algo. Para nada, é para iso, é a mesma pel da vaca. Mantendo as funcións principais do zoco e adaptándoo. O proceso é longo, e o importante é non desanimarse.

E como é a investigación para que os zapatos sexan cómodos?
A parte principal é falar coa xente, que che vai dicindo que lle gusta ou o que lles resulta máis cómodo. Por exemplo, agora xa temos un modelo de sandalias que son máis flexibles e o mesmo cuns zocos cerrados de inverno que son flexibles. Levan unha goma no medio e entón dobran, porque a xente mo pedira. Logo eu, no meu laboratorio, que é o banco de carpinteiro, xa o traballo coas miñas ferramentas. E despois moita proba-erro antes de chegar ao final. Para facer estes zocos flexibles, levo case seis anos de traballo para conseguir que queden ben. Non podemos pecharnos a ningún produto, porque podemos pecharnos sobre unha cousa e non ver o que está pasando ao redor.

E fabricou algún produto que non reparara nel antes?
Por exemplo, algún modelo de zocos ou bolsos. Ás veces fas algún producto e nese momento non encaixa ben, case non se move ou non se vende. E logo pasa un tempo e, de súpeto, parece que todo o mundo quere aquilo. Estanos pasando con bolsos que faciamos antes que deixáramos de fabricar porque non saían e volvimos retomalos eagora encaixan. É dificil saber cando algo vai vender, por iso o mellor é ter variedade.

Comentarios