O catálogo Abeancos acada xa 100 rexistros patrimoniais nun só ano

O proxecto tenta levar á rede o traballo de recompilación do Museo da Terra de Melide
Membros do equipo que traballa no catálogo virtual Abeancos
photo_camera Membros do equipo que traballa no catálogo virtual Abeancos

A web Abeancos.gal, o proxecto levado a cabo polo Museo da Terra de Melide en colaboración coa asociación de usuarios de software libre Melisa, comezou a súa andaina hai un ano coa intención de crear un catálogo virtual do patrimonio melidense. Empezou con 36 rexistros e na actualidade xa conta cun centenar.

En palabras de Cristina Vázquez, unha das responsables da documentación deste proxecto, os 100 elementos rexistrados "son só unha décima parte do que existe na comarca e do que temos información no museo".

Vázquez confesa que o traballo de levar á web a información da que dispoñen no museo pode levar moito tempo, "incluso anos", polo que de momento non contemplan a posibilidade de ampliar o territorio de actuación. Aínda que o Museo da Terra de Melide xa conta cun rexistro propio do patrimonio da comarca, Vázquez recoñece que podería quedar moito do que non teñen informes ao respecto.

Abeancos naceu inspirado nunha páxina web similar, A Cultura da Auga, de Mugardos, que tentaba clasificar os lavadoiros tradicionais e as fontes da zona. "Ao ver este proxecto, pensamos que podiamos exportar o exemplo a Melide e amplialo a toda a comarca", explica Rafael Rodríguez Gaioso, presidente de Melisa.

O colectivo de software libre propúxolle a idea ao Museo da Terra de Melide. Desde o centro déronlle unha pequena volta á idea e decidiron que aproveitarían o labor de compilación do patrimonio que leva facendo o propio museo durante 40 anos para mostralo na web dun xeito clasificado, ordenado e máis detallado.

Neste proxecto, no que colaboran o museo e Melisa, traballan un total de sete persoas, entre as que se dividen todos os labores. Os responsables da documentación dos recursos son os encargados do Museo da Terra de Melide, Cristina Vázquez e Xurxo Broz, mentres que o labor de crear e manter o sitio web corre a cargo da asociación de voluntarios presidida por Rafael Gaioso.

O obxectivo principal desta colaboración é crear unha páxina web que sirva para visitar dixitalmente o patrimonio de toda a Terra de Abeancos, que abrangue Melide, Toques e parroquias de Santiso, Sobrado dos Monxes e Arzúa.

A web Abeancos permite aos seus usuarios ver todo tipo de patrimonio, desde arquitectura civil como a casa de Mera, a escola de Baltar ou o pazo de Corbelle; ata arquitectura relixiosa como a igrexa do Leboeiro ou o convento de SantiSpiritus; pasando por outros elementos, como a antiga fábrica de curtidos Furelos, arquitectura popular como o hórreo de San Román, fontes, pontes, cruceiros, elementos arqueolóxicos ou marcos e cruces de termo.

Os visitantes de www.abeancos.gal tamén poden ver unha sección denominda Paisaxes Míticas, lugares icónicos da comarca que gardan ao seu redor lendas e historias de antano.

Todos os elementos referenciados en Abeancos contan cunha estrutura informativa similar. Todos teñen unha descrición do recurso no que se detallan datos como a súa construción e a súa historia. Ademáis desta descrición, "que cada vez facemos máis extensas", di Vázquez, cada elemento patrimonial conta cunha serie de datos útiles para os usuarios que o pretenda visitar tamén de xeito físico. Estes apuntes detallan se os accesos a pé son bos ou malos, o estado de conservación que presenta, o concello e a parroquia na que está localizado e a época á que pertence, detallando o século ou ano, se é posible sabelo, no que foi construído. A localización, ademáis da parroquia e o concello, tamén conta coas coordenadas para poder buscar cada elemento nun mapa ou para introducilas nun sistema GPS.

Ademáis de todos eses datos, Abeancos conta tamén cun mapa, de elaboración propia, no que sitúan todos os elementos catalogados para facerlle máis sinxelo ao usuario ver todo o que ten ao seu redor.

Tras o bo funcionamento e acollida deste proxecto, outras comarcas galegas buscan comezar traballos similares, como en Combarro (Pontevedra), onde queren facer un catálogo dos hórreos da zona.

Comentarios