Unha feira que segue sendo un referente

O cabalo de monte cotiza nas San Lucas entre 200 e 600 euros por animal

Os gandeiros Luciano García, Amancio Ares e Tania Pérez foron os que levaron o maior número de cabezas ao mercado ► Tratantes e compradores non perden a cita de Mondoñedo polo gando que nela se xunta. As xeracións máis vellas mistúranse coas máis novas que buscan un oco
Exemplares e público, no campo da feira
photo_camera Exemplares e público, no campo da feira

A feira de gando cabalar das San Lucas de Mondoñedo volveu ser este mércores punto de encontro de tratantes e compradores, que pasaron a mañá de transacción en transacción. O campo da feira estivo cheo de cabalos, entre 1.200 e 1.400 segundo os cálculos da organización. A meirande parte dos exemplares eran cabezas do monte, aínda que se puido ver algún percherón e trotón, así como burros e algunha cabeza de gando vacún. A maioría dos asistentes coincidía en sinalar que se rexistraba bastante movemento e tamén vendas, sobre todo de cabalo de monte, que os compradores dedican para pasto, e de poldros para carne, xa que é un mercado que está repuntando nos últimos anos.

Pero o abandono da actividade no campo tamén fai mella nesta feira de xeito irremediable e eran moitos os que sinalaban que o número de exemplares era menor que en anos anteriores. "Agora xa non se usan os cabalos para traballar no campo e tamén van quedando menos nos montes, polo que hai menos exemplares, pero aínda así nesta feira hai movemento, sobre todo de poldros novos", asegura Amancio Ares, un gandeiro veterano xa nesta feira á que acode cunha manda importante de cabalos que baixa dende o alto da Xesta.

Ares tamén acentúa outro dos problemas que teñen que afrontar os gandeiros con gando no monte: o lobo. "Este ano só trouxemos dez crías, a pesar da demanda de poldros para cebadeiro que hai, porque as come o lobo", di e subliña que as indemnizacións polos ataques deste animal non compensan as perdas que ocasionan e o dano que fan nos rabaños deixándoos considerablemente mermados.

Ao movemento de transaccións, os gandeiros engadían os prezos acadados polas reses: "Nunca valeron máis que agora", dicían algúns dos asistentes. A meirande parte das vendas situáronse entre os 200 euros dos poldros para carne —aínda que tamén houbo operacións de 100 e 150 euros— e os 600 que se chegou a pagar por algunha egua percherona.

O axetreo da compra venda parouse pasado o mediodía cando se entregaron os premios do concurso de gando, que repartiu máis de 6.000 euros. Os gandeiros que aportaron o meirande número de cabezas foron Luciano García, que recolleu o premio acompañado do seu neto, Amancio Ares e Tania Pérez. O galardón do mellor cabalo galego de monte foi para Moisés García e o de mellor egua para Tania Pérez. Outro dos premios foi o de mellor cabalo de raza galega que foi para Lino Bouso e para Moisés García o da mesma categoría pero en femias. En raza árabe os premios foron para a gandaría Gemelos. O premio ao mellor cabalo de sela levouno Juan José Iglesias e o de tiro, Martín Estúa.

CONCURSO. Pero o mercado de gando non foi a única actividade vinculada aos cabalos que se puido ver este mércores en Mondoñedo. Pola tarde celebrouse o concurso de andadura galega organizado pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego en colaboración coa asociación As San Lucas e o Concello, no que participaron 34 xinetes, a cifra máis alta dos últimos anos.

Os gañadores en marcha serrada foron David Bermúdez con Palomino, Borja Rodríguez con Gala, Ramón Carro con Confurco e Rafael Bouza con Coco. Na modalidade de chapeada resultaron gañadores Jaime Carro con Leidi, Fernando Mera con Curuxa, Ignacio Romero con Chapolín e Pedro Pardo con Noa. Os xuíces da proba foron Jacobo Pérez Paz e José Antonio Parapar.

Os concursos volverán o vindeiro sábado coa final da Copa Galicia do concurso morfolóxico de cabalos e eguas de pura raza galega, que reunirá a gandarías de toda a comunidade no Campo dos Paxariños. Xa pola tarde será o espectáculo de doma clásica en homenaxe a Pascual Veiga.

Comentarios