Unha mostra sobre profesores falecidos abre o programa

Matalobos: "Durante un século foi o referente cultural da provincia"

En 1842 botou a andar o Instituto Superior de Segunda Ensinanza de Lugo, o primeiro centro destas características de Galicia, que deu no que hoxe é o IES Lucus Augusti. Unha comisión do centro, coordinada por Celso Matalobos, prepara un programa para sinalar esta data
Manuel Celso Matalobos
photo_camera Manuel Celso Matalobos

UNHA TRAXECTORIA de 175 anos non se resume facilmente e o IES Lucus Augusti prepara un curso cheo de convocatorias que irán debullando distintos capítulos da historia deste centro pioneiro en Galicia e un dos máis antigos de toda España.

Por que se creou aquí o primeiro centro deste tipo en Galicia?

No ano 1833 créase a distribución actual das provincias e ás deputacións provincias encárgaselles un novo sistema de ensino secundario que se concretaría na creación, a finais dos anos 30, das que inicialmente se chamaron universidades de provincia. Despois cambióuselles o nome e, de feito, o de Lugo xa foi creado como Instituto de Segunda Ensinanza. No ano 1842 a Deputación Provincial solicita a creación do instituto de Lugo e suponse que o feito casual de que o marqués de Rodil, natural de Lugo, fose naquel tempo presidente do Goberno favoreceu que Lugo tivese o primeiro instituto de Galicia. Durante moito tempo foi o único da provincia e pasou por cinco sitios diferentes.

Hoxe case todo o mundo o asocia co edificio da avenida Rodríguez Mourelo, pero non sempre estivo aí. Por que sitios pasou?

Entre a súa creación, en 1842 e 1848 estivo no seminario conciliar San Lorenzo, onde están actualmente os Franciscanos. Entre 1848 e 1862 estivo en Monforte de Lemos, nos Escolapios.

Por que pasa a Monforte?

O duque de Rivas tiña especial interese en levalo para Monforte e ofreceu rendas. É curioso que os primeiros cartos que se arbitraron para crear as primeiras cátedras saíron dun imposto que se lle impuxo ao viño, un arbitrio do viño. Unha parte do que se gastaba en viño ía para sufragar os gastos do instituto. O que pasa é que se ve que non se bebía demasiado viño porque axiña se demostrou que eses impostos non eran suficientes e a Deputación tivo que crear uns orzamentos específicos. Foron intereses de tipo político os que levaron o instituto fóra da capital. En Monforte, durante dous ou tres anos a matrícula era bastante boa, pero a partir dos anos cincoenta xa empezou a baixar porque para moitos quedaba lonxe e outros preferían ir ao instituto de Oviedo, de Santiago ou a colexios relixiosos. No 62 había pouca xente e decidiron traelo de volta a Lugo. Ata o 1873 estivo onde hoxe está o Concello, mentres pretendíase construír un edificio que non se chegou a facer e o que se fixo foi cederlle a metade do Pazo de San Marcos, onde estaba a Deputación, e alí estivo ata 1950, cando se trasladou ao edificio actual.

"Os cartos para as primeiras cátedras saíron dun imposto que se lle impuxo ao viño, pero non era suficiente"



Que supón para unha provincia como Lugo, na metade do XIX, ter esta institución educativa?

Por aqueles anos, o ensino estaba en mans da Igrexa. Coa aparición da Asociación de Amigos del País, cunhas ideas liberais, a creación destes institutos supuxo unha renovación importante do ensino, máis liberal e progresista. Sacóuselle o ensino á Igrexa e popularizouse dalgún xeito, pero de todos modos, hai que pensar que para toda a provincia había un único instituto, o que quere dicir que a educación seguía sendo bastante elitista. Tiñan que vir a Lugo e non todo o mundo podía pagar a estancia aquí. Na República houbo nenos e nenas xuntos, pero co franquismo houbo que separalos e construíuse o Feminino; despois veu o Mixto e empezaron a aparecer institutos en vilas importantes da provincia. Durante un século podemos dicir que foi o referente cultural de toda a provincia.

Nos primeiros anos sería sobre todo para homes, non si?

Si. De feito a primeira muller profesora, que foi Filomena Páramo, foi profesora auxiliar de Historia no século XX. No XIX nin sequera había profesoras; o ensino estaba reservado aos homes. Na República xa houbo mulleres, aínda que había moitos máis homes. Luz Pozo Garza, por exemplo, empezou os seus estudos aquí antes de que estalase a Guerra Civil.

Vaise homenaxear tamén os mecenas, quen foron?

Houbo profesores que doaron parte das súas bibliotecas. Ou, por exemplo, a profesora Isaura Cepeda fixo doazón dunha colección de cunchas mariñas. Valentín Portabales, que durante 40 anos foi director, fixo doazón da súa biblioteca e tamén dun bastón con empuñadura de ouro que lle regalaran cando se xubilou, con case 90 anos. A profesora Teresa Fernández fixo doazón da biblioteca do seu pai, Bieito Fernández, un galeguista, e hai exemplares moi interesantes, como algún de Castelao que agachou e que librou de ser depurado no franquismo.

O centro debe de ter un arquivo histórico moi amplo...

Temos un museo que estes días está en obras para renovalo, pero que está aberto desde 2002 e no que hai pezas moi interesantes.

Comentarios