PDF

Ver a portada de hoxe

 
Votacion: 
No hay votos

"Vide pronto, por favor", dixo ao 112 o home que causou o lume de Quiroga

No municipio de Ribas de Sil houbo este domingo outro incendio forestal que calcinou dúas hectáreas

Un vehículo do servizo de Protección Civil de Ribas de Sil, primeiro en chegar ao lugar do incendio en Casares. EP

Un vehículo do servizo de Protección Civil de Ribas de Sil, primeiro en chegar ao lugar do incendio en Casares. EP

O home que ao intentar asar uns chourizos causou o incendio que arrasou 50 hectáreas de monte no municipio de Quiroga está na súa casa da localidade de Cruz de Outeiro "abatido, moi afectado e desgustado polo sucedido", indicou un familiar, quen destacou del "a súa enteireza" para avisar de inmediato do sucedido ao 112. Chamou e dixo: "Vide pronto, por favor. Estaba facendo un lume e descontrolóuseme". 

O incendio comezou na tarde do venres e foi extinguido o sábado, 24 horas despois. Cando o home alertou do sucedido, desde o 112 pedíronlle que dixese como era a magnitude do lume, momento no que o home indicou que era moito, que estaba realmente preocupado pola magnitude que estaban a coller as chamas e que esperaba no lugar da orixe do incendio á chegada dos axentes e brigadas de extinción. Alí estaba, onde a Garda Civil tomoulle a súa filiación. Este veciño de Quiroga, emigrou a Barcelona e regresou fai uns catro anos. 

Para apagar o incendio, foi necesaria a intervención de 17 brigadas, oito motobombas, unha máquina paleadora e dous helicópteros procedían aos labores de extinción do incendio. 

EN RIBAS DE SIL. Na tarde deste domingo produciuse outro incendio forestal en Ribas de Sil, nunha zona coñecida como Casares. As chamas iniciáronse preto da localidade que leva este nome e na que viven unhas dez persoas. 

O lume foi controlado rapidamente tras queimar preto de dúas hectáreas de monte raso e algún castiñeiro. Nos labores de extinción participaron tres brigadas, dúas motobombas e dous helicópteros.