Un sabor de cervexa artesán que convence

Os seis produtores lucenses que ofreceron dende o xoves en Rábade a súa cervexa, maridada con produtos de Fademur, recibiron unha moi boa acollida do público ás súas bebidas
Actuación de música tradicional durante a feira e público nun dos postos de cervexa artesá.
photo_camera Actuación de música tradicional durante a feira e público nun dos postos de cervexa artesá.

A cerveza que se elabora de forma artesanal en Lugo convence. E non gusta só aos veciños da zona, senón tamén a xente doutros puntos da xeografía española. 

Esa foi a impresión coa que se quedaron os seis produtores lucenses —os responsables de Cova da Serpe, Bubela, Domenicus, Augas Santas, Píntega e Toupiña— que ofreceron dende o xoves no campo da feira de Rábade as súas bebidas, aproveitando a afluencia de visitantes á localidade pola celebración do seu popular Máster de Futbolín.

Un rabadense impúxose na modalidade combinada, mentres que na categoría feminina unha veciña de Lugo quedou segunda

Esta foi a primeira actuación da iniciativa Tirando do Carro, na que colaboran o diario El Progreso e a Deputación de Lugo, que se pechou con eloxios por parte da xente que visitou os postos á calidade desta cervexa feita con mimo.

Estes seis produtores artesáns ofreceron durante tres días en Rábade cañas a dous euros e botellíns a 2,50 no campo da feira, nuns postos que gustaron moito polo seu deseño.

Esa difusión do seu traballo produciuse tamén dende un total de 14 negocios hostaleiros de Rábade, que ofreceron nos últimos días estas bebidas —dúas das marcas en cada local—, logo de que se sumase a este proxecto, de posta en valor do rural, a asociación que engloba os profesionais locais deste gremio.

Tamén foron merecedores dos eloxios do público os produtos alimentarios de carácter autóctono, coa calidade como nexo común, que se serviron para acompañar esas cervexas artesás.

Neste sentido, integrantes da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur) ofreceron neses postos do campo da feira artigos da súa marca 'Son de Campo'.

En concreto, desde Fademur ofertaron, en varios formatos e a distintos prezos, desde queixos da denominación de orixe Arzúa—Ulloa e embutidos de porco tradicional e celta ata empanadas feitas por panaderías da zona ou licores artesáns.

BALANCE POSITIVO. Estes tres días de estrea de Tirando do Carro en Rábade, nos que a afluencia de público foi xornada a xornada en aumento, evidenciaron que a cervexa artesá vai sumando adeptos.

O evento encadrouse no proxecto Tirando do Carro, de El Progreso e a Deputación, que busca dinamizar o rural

Segundo explicaron os propios produtores, que decidiron unir forzas para dar a coñecer de forma conxunta as súas bebidas, houbo bastante xente que se achegou mesmo as tres xornadas seguidas a probalas, na súa teima por coñecer os diferentes sabores.

Esa fidelidade foi un dos aspectos que máis destacaron e agradeceron este sábado, a media tarde, cando xa encaraban a recta final do evento. De feito, o sentir destes seis produtores, máis alá dos resultados de vendas, é que se vai polo bo camiño e a boa acollida do público a estas cervexas refrenda a súa aposta decidida pola calidade. Nesa liña, tamén comprobaron que o abano de idades de quen pasou polos postos era moi amplo, xa que responderon a esta convocatoria desde xente nova duns 20 anos ata persoas xa septuaxenarias.

Outro dos aspectos que subliñaron é que este tipo de eventos permite unha relación moito máis estreita entre produtor e consumidor, na que os primeiros coñecen os gustos do público e os segundos poden recibir explicacións detalladas de como se fai a cervexa que están probando.

Coincidiu en facer un balance positivo desta experiencia a presidenta de Fademur, Rosa Arcos, quen avanzou que as socias de 'Son de Campo' seguirán con este formato de promoción conxunta, ao considerar que son unha boa ferramenta para darse a coñecer.

Ao peche desta edición, eles e elas seguían atendendo o público neses postos en Rábade —a feira estaba previsto que pechase a medianoite— e, ao tempo, seguían 'tirando do carro' para pór en valor o traballo feito dende o rural, obxectivo desta iniciativa de El Progreso e Deputación.

Comentarios