PDF

Ver a portada de hoxe

de actualidade
Cristiano Ronaldo Cristiano Ronaldo
 
Votacion: 
3.2 (13 votos)
Lugo

Un xitano que abre camiño

Aurelio Gabarri León está a piques de terminar segundo de BAC e converterse así no primeiro mozo lucense de etnia xitana que logra esta titulación. Ten 29 anos e cinco fillos e o seu afán é aprobar unha oposición. Se pode ser de Policía, mellor

Aurelio Gabarri, no parque Rosalía de Castro. VICTORIA RODRÍGUEZ

Aurelio Gabarri, no parque Rosalía de Castro. VICTORIA RODRÍGUEZ

AURELIO GABARRI LEÓN quere que os seus cinco fillos estuden carreiras e/ou aproben oposicións. E non só quere inculcarlles esa ambición con palabras, tamén co exemplo. El está a piques de converterse no primeiro mozo lucense de etnia xitana que consegue o Bacharelato. Fáltalle só unha materia, que terá que quedar xa para o curso que vén porque se lle resistiu na convocatoria de setembro. E cando a aprobe, tamén quere presentarse ás probas de acceso á universidade, polo si ou polo non un día pode estudar unha carreira. Agora ten as súas miras postas en aprobar unha oposición e en atopar un traballo, pero nalgún momento se se desen as circunstancias, gustaríalle ser educador social.

O pai de Aurelio tamén lle inculcou a idea de que tiña que estudar para saír adiante, pero asegura que o colexio non lle resultou fácil e que os prexuízos fixeron a súa infancia "bastante amolada". Na escola, di, "víante diferente por ser xitano, insultábante, excluíante, nunca che pasaban os apuntamentos", recorda. Só lle faltaba un curso para acabar a secundaria cando se comprometeu coa súa muller. El tiña 16 e ela un menos e enseguida naceu o seu primeiro fillo. "Non foi obrigado, sucedeu así", explica Aurelio, que lle agradece á súa esposa todo o apoio que tivo dela desde entón. "Nunca me puxo trabas para que me formase e estudase e cada vez que me levei un chasco con algo ela dicíame tranquilo, prepara outra cousa, xa che sairá. Di que hai que intentalo ata que se consegue", conta. Ademais de apoialo tamén asume "o dobre de traballo para que eu poida facer algo", admite. Ela pouco pode facer con cinco criaturas de entre 12 e 2 anos, pero, engade Aurelio, "acaba de sacar as competencias clave e cando os nenos sexan maiores gustaríalle formarse máis".

Despois de casar, Aurelio propúxose volver estudar porque é algo que lle gusta, así que preparou a proba de acceso a un ciclo medio de FP. Cursou Mecanizado e Mantemento de Máquinas e fíxoo nos dous cursos preceptivos, pero deu de bruzos outra vez cos prexuízos. "Cando chega o momento de facer as prácticas todos teñen destino, menos eu", recorda, e cando pregunta a que se debe, o coordinador recoñécelle que ningunha empresa quixo facerse cargo del por ser xitano. Outro mazazo na lista: "Esfórzome por ser alguén na vida e séguenme xulgando como a un xitano que anda en malas cousas", laméntase. Con todo, finalmente aceptárono nunha empresa, onde, asegura, dixéronlle que era do mellor que tiveran. Pero a crise estaba a pegar duro e non podían coller a ninguén.

No paro, e cobrando a Risga, decídese a preparar a oposición a Policía Nacional, que é o que lle gustaría ser. Pero cando sae a convocatoria, apenas hai prazas e decide deixalo porque non podía permitirse a academia.

Di que o seu afán é "non depender do salario social" e para iso foi collendo o que podía, como un taller de emprego do Concello para dixitalizar documentos históricos. "Cobraba só cen euros máis que coa Risga, e tiña que ir de sete a tres, pero compensábame porque aprendía e non tiña que depender do salario social". Pero acabouse o taller e volveu á Risga. Entón colaboraba coa Fundación Secretariado Xitano e alí propuxéronlle facer o Máster en Intervención coa Comunidade Xitana da Universidade de Navarra. Aceptou e terminouno, pero as súas perspectivas de emprego seguían sendo escasas, así que se expuxo volver preparar as oposicións a Policía. Con todo, nese momento, cambia a lei e esixen o bacharelato, así que se dirixe ao Ingabad, para facelo na modalidade de adultos pola rama de Humanidades.

O primeiro curso, di, tivo que atender ao seu pai diábetico, que sufriu serios reveses de saúde, e suspendeu catro materias, aínda que sacou o resto con "bastantes boas notas, seis, setes e oitos", asegura. Volveuse matricular delas e de todo segundo o curso pasado. En xuño conseguiu sacar case todo, pero unha operación de nariz que non puido atrasar impediulle presentarse a todo, así que para setembro quedou con tres materias, das que aprobou dúas. Ademais de preparar os exames de setembro tamén empezou a preparar as oposicións de auxiliar administrativo do Estado porque está convencido de que nas convocatorias de emprego público é onde máis opcións ten de que se valoren os seus coñecementos e non a súa orixe.

Para este curso seguirá preparando a materia que queda, Lingua e Literatura Española, e as oposicións, pero gustaríalle traballar. "Se alguén me dese a oportunidade de ter un posto de traballo agradeceríao", di. Compatibilizar non sería problema: "A un traballo non se lle pode dicir que non, xa me organizaría para seguir estudando", apunta.