Opinión

É sobre todo pola corrupción

QUE SON aforada, ou é que me vistes cara de titiriteiro». Así exclama na portada de El Jueves a exalcaldesa de Valencia para facer ver que non pode ser detida, nin investigada, nin privada de cantos privilexios tivo ata agora, non como lle pode ocorrer á maioría dos demais cidadáns españois, incluídos algúns incomprendidos artistas, tamén os de dubidoso humor. E por se non se chega a un acordo para a gobernabilidade e hai que recorrer a novas eleccións, o seu partido sitúaa na comisión permanente do Senado, non vaia ser que perda o aforamento durante a temporada que pasa desde que se disolven as cámaras ata que se constitúen unhas novas e un xuíz poida citala. Por cousas como esta é polas que Rajoy se atopa no limbo tras perder 63 escanos. Non é pola economía (ao mellor tamén), nin polo carisma (quen sabe), nin polo equipo, non, é pola corrupción e ás veces intentar encubrila.

Comentarios