Opinión

Abril para vivir

CANDO CARLOS Cano, o cantautor granadino falecido en plenitude creativa, compuxo a canción Luna de abril  da que tomo hoxe o título, seguro que non coñecía un tema de Gang, en italiano: Aprile. Fala dun soldado abatido na fronteira. Di: «morire non se può in aprile /risorgere si deve» (non se pode morrer en abril / rexurdir se debe).

Luna de abril está dedicada a José Afonso, no seu pasamento, e alude á Revolución dos Caraveis (25 de abril) da que Grândola, Vila Morena, composta polo Zeca, foi consigna e himno.

Aprile forma parte dunha gravación de cancións contra a guerra, nos días terríbeis de Kosovo.

Non é doado esquecer a morte cando a vida estala polos catro puntos cardinais, ave e paxaro, flor e abrocho. Así agora, diante de tantas guerras, tantas catástrofes, tanto terror, tantas bolboretas negras a competir co pulo da primavera.

Hai no ambiente un tufo a derrota ou é a miña serotonina a baixar como o mercurio dos termómetros polas noites?

Temos dereito a nos sentir mal por cousas que acontecen aquí se as comparamos co sufrimento de máis de medio mundo?

Visito en Madrid a mostra dedicada ao Mestre Mateo e mestúraseme a admiración coa carraxe. Ecos da ditadura, da fagocitose daquela señora a quen Deus descanse: dúas esculturas propiedade da familia Franco-Polo, seica gardadas no pazo de Cornide. Dúas do museo de Pontevedra e seis da catedral de Santiago. E un documental sobre os traballos do autor do Pórtico da Gloria na catedral compostelá. O nome de Galiza (ou Galicia para quen o prefira) non aparece por ningures.

De volta, vexo o xeito lúdico de protestaren os veciños de Sada e arredores pola situación do Pazo de Meirás. Os ‘donos’ non cumpren tan sequera coa obriga de abrilo ao público unha vez ao mes. A parodia dun casamento a carón de memoria en carne viva, aínda: «Botaron á miña nai da casa con cinco nenos pequenos», quéixase unha manifestante. Unhas miñas amigas de certa idade conservan nóminas do pai, veterinario naquela contorna, nas que figura, obrigado como o IRPF, un desconto para axudar ao pagamento da que fora casa da Pardo Bazán. Boa parte dos libros da biblioteca queimados pola nova ama, disque por inmorais.

Ben seguro que a vexetación pacega e os animaliños de ar e terra, alí, en Meirás, como en todos os lugares do noso país, alimentan cara atrás no tempo a primeira das estacións de Vivaldi.

Porque, malia todo, abril é para vivir e non se pode renunciar a esa obriga. Como non o fixeron Paco Souto nin Xosé Luís Sucasas, os dous escritores que finaron nestes días, mais perduran na súa obra e nos nosos corazóns.

Comentarios