Opinión

A arte de ter un fillo

EXCEPTO ALGÚN político e patróns despistados, todo o mundo sabe que a metade da rapazada en idade de traballar non traballa. Da outra metade dous terzos van e veñen por traballiños eventuais, efémeros e mal pagados, e o terzo restante soña con ser mileurista. Ou traballan e non cobran, aínda que seis de cada dez bolseiros teñen xornada completa.

Así que moitos, ancorados no presente, optan polo carpe diem, a roupa lavada e os guisos da nai. E piden sen pedir a paga semanal que sae da pensión elástica do avó.

Os avós son un gran invento: sen eles o país paralizaríase. Terman da casa dos fillos. Votan unha man ás parellas novas. Encárganse, canguros cansados, dos netos, ben escaso que debera estar declarado especie protexida pero nin sequera ten praza asegurada na gardería pública.

A rapazada tenta vivir e fai ben. Gostaríalle facer plans de futuro, vivir fóra do niño morno dos pais, crear un propio. Moitos non poden, e aínda menos ter un fillo: luxo que non se poden permitir.

Escáchanse da risa cando escoitan a Cassandras gubernamentais laiarse da demografía minguante do país, pirámide convertida en trompo. Hai que ter fillos! claman, pero logo atenden ás sereas da economía que aposta pola austeridade, a empresarios que esixen máis flexibilidade laboral e menos dereitos aos traballadores. Un país de bolseiros sen soldo pero con longas horas de traballo éche o máis eficaz preservativo.

E isto ocorre nas dúas Españas enfrontadas, a Periférica e a Baldeira. A primeira, con máis economía e demografía reafirma foros e privilexios, ou aposta pola secesión dos ricos. A segunda envellece. A penúltima noticia di que na metade dos oito mil municipios non quedan oficinas bancarias, pulmón dos negocios. Caixas ao servizo da xente deron paso a xigantes implacables ao servizo do diñeiro.

Nesta situación éche unha lotaría casar, tentar a aventura de formar unha familia, facer plans de futuro, ter fillos. Ter un fillo! Como vai a embarcarse nesa procelosa singradura unha parella dependente da pensión dos vellos, coa espada de Damocles dunha reforma laboral contra os traballadores. Con que axudas oficiais pode contar se políticas de austeridade ameazan con recortar o estado social que empeza a ser couto prohibido para moitos, e onde a única gardería ao alcance de moitos é a casiña dos avós?

Un país así desertízase. Na España Baldeira pechan os pobos. Lemos que a taxa de fertilidade, do 1,33% é das máis baixas do mundo. Hai autonomías que semellan un xigantesco xeriátrico e os gobernos xerencias de luxo dun asilo de anciáns.

E aínda así... a vida, pugnaz e teimuda, segue. Hai parellas que o intentan e o conseguen: o dereito a ter fillos, algo que xamais debera ser unha arte. Nin un privilexio que non se poden permitir.

Comentarios