Opinión

Penso, logo existo e estorbo

"PENSO, LOGO existo", dicía Descartes. Con imaxinación e oportunidade lanzan o seu lema Penso, logo estorbo, os admirables profesores de filosofía na defensa da asignatura. Mentres aumenta a sementeira de dogmas no ensino, perde horas a filosofía.

As aulas son permeables ao que está ao outro lado das ventás. Os pulsos da sociedade laten nas aulas. Collen alí robots e pantallas, Steve Job e Zuckerberg. Facemos sitio no currículum a deuses pero expulsamos a Sócrates, Nietzsche, Bauman. Volveremos a suplicar a aquel rei idiota Lonxe de nós a funesta manía de pensar?

Educación artística, música, filosofía, son asignaturas que distraen como dicía o lamentable ministro? A filosofía serve para pensar, actividade esmorecente. E para amoblar o cerebro dos alumnos. Para lles obrigar a usar a ferramenta máis poderosa e preguiceira do corpo, o cerebro: cen mil millóns de neuronas capaces de xerar premios Nobel ou parvos. O profesorado de filosofía emprende a campaña para defender as cabezas pensantes, a educación crítica, a dúbida razoable. Cousiñas que nos definen pero estorban ao poder. E ao mundo do diñeiro. E aos gardiáns de dogmas.

Xa non é concibible o traballo nas aulas sen ferramentas necesarias como móbiles, smartphones e pantallas. Máis discutible é que o tempo da filosofía sexa usurpado pola catequese de relixións que teñen marco máis axeitado en igrexas, mezquitas, sinagogas. O fenómeno relixioso e as múltiples manifestacións históricas, económicas, sociais e artísticas ben poideran tratarse nunha historia das relixións.

A última das reformas que destrozan a educación do país quitou protagonismo á filosofía. Apenas sobrevive no bacharelato. Así nos vai. Somos responsables da abondosa colleita de buratos negros habitados polo ruído e as présas, ancorados no carpe diem, colonizados de pantallas e condenados ao presentismo. Saben ben os gobernos que a idade da heterodoxia e dos soños sería perigosísima sentada nas aulas na compaña dos filósofos ou no silencio fértil das bibliotecas.

A afiada mirada interior, o amor pola sabedoría, a paixón por pensar, a capacidade crítica, o revolucionario diálogo cos grandes pensadores, non parece preocupar ás autoridades educativas. O pensamento constrúe por dentro á persoa. A filosofía coloca os alicerces dunha sociedade mellor. A que vemos ten paradigmas lamentables nas cadeas televisivas, nos libros máis vendidos ou no ruído e a furia dalgunhas tertulias.

"Quedei desfalecido na procura da verdade", exclamaba o filósofo grego. O cerebro éche a panca que move o mundo. Cerebros baldeiros son o mellor agasallo para os que moven o mundo. "Penso, logo estorbo" din os profesores. Que para que serve a filosofía? A filosofía imprime carácter de humanidade. Serve para vivir.

Comentarios