Opinión

A caixa de Pandora

O CARLISMO cúrase lendo, recorda Baroja. Din que a lectura tamén cura o fascismo e que as viaxes vacinan contra o racismo. Será verdade, pero só se viaxamos cos ollos abertos e non facendo selfies ao embigo.

Éche boa pena que haxa políticos que non viaxen así, que non lean máis, que non acudan aos clásicos. Revertímini ad fontes. Volvede ás fontes dos mananciais da cultura onde brota a auga máis pura. E tamén á mitoloxía grega, hoxe que tantos substitúen a historia polas lendas.

Pandora recibe como regalo de bodas unha ánfora selada. Pero, ai, os deuses tamén lle deron a febre da curiosidade. Foi abrir a ánfora e escapar todos os males do mundo. Cando, aterrada, atinou a pechala de novo, só quedaba dentro a esperanza. Ocurríu moitas veces ao longo da historia. Está a pasar agora. Aberta a caixa é difícil volver a atrás.

En Cataluña, nos resto das Españas sopran malos ventos. Estragan delicados equilibrios políticos e traen cheirumes de fanatismos represados. Fan tremolar bandeiras e ao final, mans crispadas aferran con forza o pao. E arremeten.

É mentira que a xente non teña medo. Perden os máis fráxiles coa angustia agarrada á víscera que move o sangue polo corpo e faise visible cando impera a sinrazón das porras. Deixamos a res pública, os asuntos complexos nas mellores mans, as dos políticos. E resulta que, incapaces de solución, están máis cerca da arenga que inflama que de acordos que unen.

Os ventos de Pandora asubían cargados de cegueira e fanatismo. Nas rúas ateigadas somos incapaces de ver persoas: están tapadas con bandeiras en estado de delirio. E un poder torpe dedícase a apalear xente indefensa. Non é culpa dunha policía mala fronte a nosa policía boa que actuou coa mesma brutalidade noutras protestas. A falta de balas a masa dispara insultos. Fascista! Na realidade hai poucos fascistas senón xente intelectualmente perezosa que ignora a palabra terrible.

Cando os ventos de Pandora axitan as masas, son ingobernables. Nun bando e outro igual ferocidade. Ata teñen as mismas cores nas bandeiras, mentres a maioría da xente, con moitísimo medo, cala.

¡Dios que buen vassallo, si oviesse buen señor! Abominamos de señores en parálise política ou en estado de delirio patriótico. Flautistas de Hamelin empurran as masas ao bordo do precipicio, mentres xente sensata di que hai que frear, que ante o abismo o paso máis intelixente é cara atrás. Que deixen de prometer paraísos futuros a costa de tanta división e odio no presente. Iso xa o fixeron as relixións. O dano está feito. Xa perdemos todos. Cómpre elexir entre os Dexastres de Goya ou Nos queda la palabra de Blas de Otero. A palabra política que cale os malos ventos, que abra outra vez a caixa de Pandora para que parle, hable, fale a esperanza.

Comentarios