Opinión

O anxo exterminador

AS PRIMAS de Santander, como chamabamos a dúas irmás parentes do noso pai, viñan pasar con nós no Val do Mao as súas longas vacacións de mestras. Chegaban sempre cargadas de escuros presaxios. Eran un verdadeiro compendio de profecías apocalípticas, destiladas de vellos libros e de non tan vellos clérigos, a practicar unha relixiosidade menos cristiá que supersticiosa, forxada no nacional-catolicismo de posguerra.

Non vou dicir que eran manicurtas, que o eran, porque hai moitos anos que van aló. Aínda así, teño que subliñar que aos seus soldos sumaban a pensión do pai, militar xa falecido, e que, como meditaban longamente o destino de cada peseta, xuntaron moitas. Inveteradas franquistas, pensaban deixarlle ao ditador canto tiñan. Non sei en que acabou a cousa porque o ditador morreu antes.

Tería que lle dedicar un bo parágrafo ás anécdotas relativas á "pérfida Rusia" con que nos ilustraban. Case todas tiñan a ver co sexto mandamento. A ignorancia sobre o comunismo, que ben podería ser criticado por outras cousas, levábaas a afirmar que alí, nos concursos de beleza, as misses non levaban máis prenda de roupa que unha banda en que se podía ler "Abaixo a vergoña".

O caso é que tamén nos falaban con moita frecuencia do Anxo Exterminador. Non se referían á película de Buñuel nin á escultura de Josep Llimona, levantada no cemiterio de Comillas, senón ao catastrófico incendio de 1941, o que cambiou a estrutura urbanística de Santander. Viran nel a ira de Deus, a espada flamíxera de Abadón ou do Apollón do libro da Apocalipse.

Un pequeno fogo iniciado nunha casa da rúa Cádiz, avivado por ventos de máis de 140 quilómetros por hora, arrasou 377 edificios, 1.783 vivendas, 37 rúas, 508 comercios, 155 bares e, ademais, numerosas clínicas médicas. 10.000 persoas ficaran sen fogar e 7.000 sen traballo.

Despois, as clases populares remataron ocupando zonas periféricas e os especuladores de sempre atoparon un filón de ouro nas 14 hectáreas da desfeita.

Vendo arder Galiza, lembrei ás primas Cecilia e Encarna e case comprendín os terrores que transmitían.

O Anxo Exterminador existe, ten tantos rostros como causas e causantes dos incendios e, desde logo, non é precisa a ira divina. Abonda con nós, o xénero humano, para desencadear a maioría destas catástrofes. Pirómanos, seca extrema, malas políticas forestais, prevención nula, desidia en aplicar o que teñen de positivo as normas que xa hai e, na base de todo, a ambición que provoca o cambio climático.

Como en Santander, alguén saberá tirar proveito da desgraza allea. Porén, neste punto, non podo crer que alguén gañe por máis que obteña algún rédito. Séxalle amargo.

Comentarios