El Gustavo Freire vivirá un marzo teatral con diecinueve representaciones

Bao e Campo, xunto a representantes dos grupos de teatro lucenses. (Foto: AEP)
photo_camera Bao e Campo, xunto a representantes dos grupos de teatro lucenses. (Foto: AEP)

O auditorio Gustavo Freire vivirá un mes de marzo no que o teatro será o gran protagonista, con dezanove representacións, confluíndo citas como o festival afeccionado, que comeza mañá, e as mostras grecolatina (que abarcará do día 12 ao 14) e universitaria (do 22 ao 27).

Así o manifestou onte o concellal de Cultura Antón Bao na presentación do Festival Galego de Teatro Afeccionado. Bao destacou a «dinamización» que se está a conseguir do Auditorio, e o «especial protagonismo do teatro» dentro do espazo, destacando que «haberá actividades vinte días dos 31 do mes».

O edil resaltou ademais o compromiso por acadar uns «prezos asequibles para o público, que estarán entre a gratuidade e custos asumibles, non superiores aos dez euros».

O Festival Galego de Teatro Afeccionado abre a programación en Lugo esta fin de semana, permitindo a catro compañías de fóra da provincia mostrar o seu talento na cidade nas dúas próximas fins de semana.

Mañá inaugurará o evento a asociación teatral Paso de Valverde, que representará ‘Adeus, Kantor’. O domingo será o turno de Teatro Escoitade, que recreará ‘Longa vida a Martiño de Güimil’. O sábado 10 Gargallada porá en escea ‘A última cinta de Krapp’, e Carrachanacacha clausurará o festival o domingo 11 con ‘Gheidi (so para adultos)’. Todas as representacións serán no auditorio ás 20.00 horas.

Ao acto de presentación da mostra asistiron representantes das compañías lucenses Achádego, Hipócrita Teatro e Parápono. Tomou a palabra Tareixa Campo, de Achádego, que agradeceu «a colaboración do Concello, que nos cedeu o espazo e que está a realizar unha forta aposta polo teatro e de reforzo ás compañías afeccionadas de Lugo».

Campo resaltou a importancia dun festival que promove o intercambio e que «ofrece a grupos teatrais doutras partes de Galicia, como Lalín ou Vigo, a posibilidade de representar as súas pezas en Lugo, así como oferta ás compañías lucenses a opción de promocionarse noutros lares».

Finalizou lembrando que «a entrada será gratuíta ata completar aforo en tódalas pezas, e agardamos encher o auditorio».

O día 17 e o 18 haberá tamén representacións para os nenos a cargo de Pingateatro, e Sarabela porá en escea ‘Pelos na lingua’ o 24. A mostra de Teatro Especial de Galiza da fundación Anade porá o colofón os días 28 e 29.

A programación de marzo no Auditorio terá tamén un toque musical. O trío Vaamonde, Lamas e Romero presentará ‘O tambor de prata’ o vindeiro xoves, e o grupo El Sueño de Morfeo ofrecerá un concerto o día 30.

PROGRAMA

Sábado 3: ‘Adeus Kantor’, por Paso de Valverde. 20.00.

Domingo 4: ‘Longa vida a Martiño de Güimil’, por Teatro Escoitade. 20.00.

Sábado 10: ‘A última cinta de Krapp’, por Gargallada. 20.00.

Domingo 11: ‘Gheidi (so para adultos)’, por Carrachanacacha. 20.00.

Luns 12: ‘Las Troyanas’ (12.00) y ‘Tesmoforias’ (17.00), por El Ruiseñor.

Martes 13: ‘Electra’ (12.00) y ‘Aulularia’ (17.00) por Noite Bohemia.

Mércores 14: ‘Medea’ (12.00) y ‘Miles Gloriosus’ (17.00), por Parrocha.

Sábado 17 e domingo 18: ‘O bufón do reino’ (infantil), por Pingateatro. 12.00 e 18.00.

Xoves 22: ‘Na túa cara’, pola Compañía de Teatro da USC. 20.30.

Venres 23: ‘Comedia famosa do Cabaleiro de Olmedo’, pola Compañía de Teatro da USC. 20.30.

Sábado 24: ‘Pelos na lingua’, por Talía Teatro. 20.30.

Domingo 25: ‘Tesela’. 20.30.

Luns 26: ‘Un mundo feliz’, por Maricastaña. 20.30.

Martes 27: ‘The most lamentable comedy and mosth cruel death of Pyramus and Thisby’, polo grupo da University of Szczcecin (Polonia). 20.30.

Mércores 28 e xoves 29: Mostra de Teatro Especial de Galiza-Anade. 12.00.

Comentarios