A importancia do crecemento do PIB

¿Por qué é tan importante que o Produto Interior Bruto (PIB) medre? Alomenos por tres motivos. Primeiro, porque en Galicia e en España temos unha taxa de paro extraordinariamente elevada. Para reducila temos que crear emprego, e as empresas só contratan novos traballadores cando existen perspectivas boas para a súa demanda. Ninguén contrata para ter a xente de brazos cruzados . Segundo, pola falta de recursos públicos. Máis PIB supón máis crecemento, máis recadación fiscal, e menos recortes do gasto.

E terceiro, porque as débedas do sector privado e o público se adoitan expresar e avaliar divididas polo PIB. Polo tanto, cando este medra aumenta o denominador  e cae o cociente. De feito, a realidade é que o sector público non devolve nunca as súas débedas. É verdade que paga cando toca aos aforradores, pero emite nova débeda para facelo: ao final debe o mesmo. Non é como as persoas, que temos un ciclo vital finito e pagamos xuros e amortización dos créditos que pedimos.  Á xente chócalle o que veño de dicir, pero é o que hai. Pénsese por exemplo o que pasou coa débeda pública española entre 2000 e 2007. Entre eses anos houbo pequenos déficits e superávits, pero o cociente débeda/PIB caeu case á metade, ata pouco máis do 30%. Se o ciclo expansivo continuase ata 2015, probablemente teríamos unha débeda moi menor, de pouco máis do 10%.

Un matiz importante a ter en conta é que para mellorar o cociente da débeda pública é igualmente válido o crecemento do PIB real ou da inflación. Mesmo cun crecemento nulo, se a taxa de inflación aumenta a débeda cae. É o que se chama a monetización da débeda pública. Por iso, se queremos mellorar a situación fiscal das economía europeas e, en particular, reducir a lousa do endebedamento que teñen enriba as nosas economías, temos que estimular o seu crecemento e aceptar con gusto taxas de inflación medias para Europa un pouco máis altas. Nestes momentos, sería preferible unha taxa do 3% que do 1%, por exemplo. Ademais cunha inflación do 3% os axustes na economías son máis doados politicamente, porque non é necesario recortar en termos nominais para ter recortes significativos en termos reais. Por iso necesitamos que o Banco Central Europeo e a Comisión Europea dean pulo a estratexias de estímulo fiscal e monetario en Europa. Temos marxe. É unha cuestión de vontade política.

@SantiagoLagoP

Comentarios