Neira Vilas: ''Emigrei a Bos Aires para poder estudar e ter libros''

No novo continente o académico descubriu Galicia, converteuse nun activista da súa cultura natal e tomou conciencia del como escritor

O escritor e académico Xosé Neira Vilas pode presumir de ter unha produción literaria importante nestes últimos anos. Na súa casa pontevedresa de Gres (Vila de Cruces) non dá respiro á vella máquina da que saíu a maior parte da súa obra. Como Memorias dun neno labrego, o título máis lido da historia da literatura galega. 100 anos do himno galego é a última publicación deste home ilustre, testemuña viva da historia da emigración en ultramar do pasado século.

Hai uns anos voltou á súa casa natal, convertida en fundación Neira Vilas. ¿Que lembranzas esperta en vostede estar aquí de novo?
Moitas lembranzas familiares. Os meus pais eran labregos e a miña infancia foi de pan de broa, lama nos camiños, roupa remendada e erguerse ás catro da mañá a traballar no campo para despois ir á escola. O meu pai era carteiro e tres días á semana eu levaba o correo a oito quilómetros da casa. Cando entraba na escola xa levaba camiñado 16 quilómetros. Pero tiña sorte, había nenos que só ían á escola cando chovía, porque había que traballar na casa, e eu non faltei nunca ata os 13 anos. Despois fixen un curso por correspondencia de teneduría de libros, que me serviu para traballar de contable nun aserradeiro. Era un privilexio enorme, ¡gañaba 700 pesetas! (100 máis que un mestre). Daba os cartos na casa, pero tiña bicicleta, un traxiño mellor... Dos 15 aos 20 anos foi un tempo interesante. Faciamos teatro en galego, eu pedía a unha librería de Vigo libros de teatro da República, de Julián de las Casas, Villar Ponte, etc., e faciamos as representacións nunha casa en obras que nos prestaron a cambio de que a tellaramos nós. Detrás do escenario tiñamos unha ola de viño e, antes de saír, bebiamos unha cunca ben chea, e así atreviámonos a falar. ¡Faciamos ata circo!

¿E tiñan público?
Os espectadores eran os veciños e cobrabámoslles a entrada. Despois de varias funcións, traiamos unha banda de músicos para facer unha foliada para todos.

¿Que o levou a emigrar?
Marchei a Bos Aires para estudar e ter libros. Alí, traballando, entre outras cousas, fixen a carreira de xornalismo e coñecín a Anisia, unha moza cubana que estudaba o mesmo, coa que casei e fundamos a editorial Follas Novas, onde publicamos algúns libros en galego, ademais dos primeiros escritos por nós.

Tamén tiñan unha distribuidora...
Si, ¡e abarcaba toda América! Fixemos tres mostras do libro, en Bos Aires, Montevideo e Caracas. Mandabamos catálogos de todo o que se publicaba en Europa relacionado con Galicia aos exiliados e sociedades galegas. E tamén libros galegos á Biblioteca Nacional. Financiabamos a actividade co 30% que nos daba o maiorista. ¡Non gañabamos nada!, máis ben perdiamos cartos. Seoane, no prólogo do meu libro Historia da emigración, lémbranos a Anisia e a min en conferencias e actos culturais, ''tratando de vender o invendible: libros...'', como dicía, que sempre levabamos nunha maleta.

Despois de conectar coa intelectualidade galega na diáspora, entre a que fixo grandes amizades, ¿por que marchou a Cuba?
Porque alí triunfaba unha revolución popular que tiña prestixio mundial. Algúns amigos aconsellábanme que non me fora. Outros, como Díaz Pardo e Seoane, animáronme. Eu tiña 30 anos e Anisia, 26. Era moi atractivo e, ademais, ela era cubana e volvía ao seu.

¿E nunca se arrepentiu?
Non, como tampouco da emigración á Arxentina, onde descubro Galicia, converténdome nun activista cultural e asumíndoa dentro dun galeguismo consciente e militante. Tamén tomo conciencia da miña vocación de escritor; tiña publicados centos de traballos como xornalista, pero o meu primeiro libro, Memorias dun neno labrego, tardei dez anos en escribilo. Despois, en Cuba, foron anos de madurez, tomando conciencia do mundo doutro xeito. Era un laboratorio político e un observatorio extraordinario do acontecer político no exterior.

¿Foi a mellor etapa da súa vida?
En Cuba seguín un consello de Blanco Amor, que me dixo: ''Eres xornalista, nunca profesionalices a túa vocación. Gaña a vida noutra cousa e despois escribe o que che dea a gana''. E así fixen, a pesares de que tiña ao meu dispor todos os medios de comunicación onde quixera traballar. Traizoei a Blanco Amor só unha vez, ao dirixir Zunzún, unha revista para nenos da que publicabamos 250.000 exemplares, que desaparecían en 15 minutos dos quioscos.

Pero vostede desempeñou cargos moi relevantes en Cuba...
O marabilloso dese país era que todo estaba por facer, e eu tratei de poñer un grao de area, aprendendo sobre a marcha a facer de todo. Por orde do Che encargáronme a organización da empresa nacional automotriz, cando eu nin conduzo. Era o xefe de compras e intercambios (tiña subordinada a sección xurídica e a de compras). E tiven que resistirme a outras promocións. Dicíalles: ''Eu quero escribir, non ascender'', e así foi.

Logo, ¿tivo relación co Che Guevara?
Por traballo, asistín durante tres anos a unhas reunións trimestrais. Era un home extraordinario ¡e puntualísimo! Tiven varias conversas con el. A Fidel vino menos. O contacto máis directo foi no 92, cando inauguraron a cátedra de Galego na Universidade de La Habana, a véspera estivo falando de Galicia tres horas con Torrente Ballester, Manuel Regueiro e máis eu, que foramos dende aquí.

¿Como foi a volta a Galicia?
Ao xubilarnos decidimos volver. Eu regalara a casa onde nacín á Xunta para que fixera unha biblioteca, e fixo moito máis. César Portela realizou un proxecto magnífico, restaurando a casa e creando a sede da fundación, cunha biblioteca con 8.700 volumes. A casa natal ten hoxe museo etnográfico, biblioteca para nenos e para adultos e salón de actos.

Neira Vilas, na súa casa de Gres- Vila de Cruces, onde habilitou unha biblioteca (EP)

¿Que achega de novo no seu último libro sobre a historia do himno galego?
En Cuba investiguei sobre a xénese do himno galego, impulsado polo emigrante ferrolán Xosé Fontenla, iniciador tamén da Academia Galega. Ía ter letra de Curros e música de Chané, que vivían na Habana, pero estaban enfadados. Por fin, apelou a unha canción que se estreara na Coruña en 1890, co poema Os pinos, de Pondal, e música de Pascual Veiga. Este, que morreu un ano antes da súa estrea, vivía en Madrid moi pobremente e escribiulle a Fontenla dicindo que non cobraría nada pola música, pero como andaba mal de saúde preguntoulle se lle poderían pagar mil pesetas... e mandáronllas.

¿Como foi a estrea do himno?
Estreouse o 29 de decembro de 1907 no Teatro Nacional da Habana como un himno rexional, interpretado pola banda municipal. Curros, que era o convidado de honra, quixo pagar a entrada porque o acto era para recadar fondos para erguerlle un mausoleo a Veiga no camposanto de Mondoñedo. Curros, desde un palco, leu un poema adicado á Alborada de Veiga, o último que fixo, porque seis semanas despois morreu.

¿Como se recibiu en Galicia?
O himno xa se cantaba por coros en actos culturais en toda América do Sur cando chegou a Galicia, onde o tocaban nas festas e a xente o bailaba como un pasodobre.A súa estrea como tal foi en 1930, nunha homenaxe a Rosalía, en Pontevedra. Antes de afianzarse en Galicia recibiu moitos ataques. Dicían que non era suficientemente marcial, que parecía unha canción romántica.

Vostede organizou o seu 75 aniversario na Habana...
Si, puxemos unha placa noTeatro Nacional e interpretou o himno a mesma banda que o estreara. Despois foi especialmente emotivo o centenario. Pérez Touriño foi á Habana e, no acto, Rosa Cedrón interpretou o himno.
 

DE PRETO

Orixes
Xosé Neira Vilas naceu en Gres, en Vila de Cruces (Pontevedra), o 3 de novembro de 1928.

Na diáspora
En 1949 emigra a Bos Aires, onde traballou e estudou comercio, música, literatura e xornalismo, e desenvolveu unha ampla actividade profesional.

Alí conectou cos intelectuais galegos na diáspora e foi secretario xeral das Mocidades Galeguistas.

Traxectoria
No 54 casa con Anisia Miranda e fundan a editorial Follas Novas. No 61 marcha a Cuba, onde traballa na administración e dedícase a escribir. Funda a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, que dirixiu durante 22 anos.

Recoñecementos
É membro da Real Academia Galega, doutor Honoris Causa polas universidades da Coruña e La Habana, Premio da Crítica española (narrativa) e galega (ensaio), e posúe a medalla Castelao, entre outras distincións.

Obra literaria
Memorias dun neno labrego’ Xente no rodicio, Historias de emigrantes, A muller de ferro,
Querido Tomás e Cartas a Lelo, entre outras.

Comentarios