Tres lucenses con ‘poder’ en Podemos

José María Castro, Sigrid Campo e Adrián Fuenteseca son os responsables das secretarías de lingua e cultura, auditoría da democracia e equilibrio territorial da formación en Galicia
Castro, Camp e Fuenteseca, no parque Rosalía de Castro
photo_camera Castro, Camp e Fuenteseca, no parque Rosalía de Castro

As eleccións á dirección de Podemos en Galicia deron como resultado seis lucenses (algúns de nacemento e outros de adopción) no consello cidadá, tres deles con postos de responsabilidade.

O noiés José María Castro profesor interino na facultade de Veterinaria foi o segundo candidato máis votado de Galicia e está á fronte da secretaría de lingua e cultura. É matemático e biólogo evolutivo, tivo contratos postdoutorais nas universidades de Munique e Uppsala, volveu a Galicia cunha beca Parga Pondal e actualmente é profesor interino en Veterinaria.

A súa primeira aproximación a Podemos foi durante unha estancia laboral en Lisboa. "Buscando comprender dun xeito máis claro o proceso de crise, o que estaba a suceder, encontrei os debates de La Tuerka e Fort Apache. Cando xurde Podemos xa sei o que é", explica. Di que de Podemos lle gusta que é un partido a nivel estatal con visión plurinacional e que a súa intención só era colaborar a nivel circular. Porén, membros de Podemos suxeríronlle que podía ser útil a outro nivel e, tras estudar as tres candidaturas ao consello autonómico, decidiu achegarse á de Breogán Rioboo. Di que lle gustou o seu aperturismo.


José María Castro (Ruco): "Un dos méritos de Podemos é a capacidade de transformación que tivo ser ter representación"

Podemos Galicia conta coa vantaxe de que na comunidade non hai eleccións este ano, polo que non ten que facer primarias aínda e dispón de máis tempo para armarse e facer programa. A primeira acción da secretaría que dirixe Castro é entablar relacións con outras moi conectadas. "A cuestión do rural, por exemplo, é moi importante. O caciquismo, que ten unha inserción moi clara no rural, ten un compoñente cultural moi importnate e unha implicación política innegable", di o profesor. Outra das súas preocupacións é que a cultura se entenda como diversidade cultural. 


Á fronte da secretaría de auditoría da democracia está Sigrid Campo. É unha das que máis traballo adiantado ten, xa que abrangue aspectos troncais nos que xa hai traballo feito a nivel estatal e noutras comunidades. Campo explica que a súa secretaría está en contacto coa Plataforma Auditoría Cidadá da Débeda para tratar de determinar a débeda "ilexítima" que pode haber en Galicia.

Sigrid Campo: "Non vexo desencanto cara a Podemos. Ao contrario, vexo que a xente ten moitas expectativas"

A transparencia na xestión pública é outro dos obxectivos aos que Podemos dá unha importancia capital. A falta dela está directamente relacionada coa corrupción, sostén Campo. De cara á conformación do que será o programa electoral de Podemos en Galicia, esta secretaría explora tamén medidas de fomento da democracia, como o referéndum revocatorio e a obrigatoriedade de que as iniciativas lexislativas populares sexan debatidas no Parlamento, así como de mecanismos que garantan que as enmendas non desvirtúen o contido orixinal. Son todas elas medidas que noutros países xa existen.


Esta tamén é a primeira experiencia política de Campo, titulada en Administración e Dirección de Empresas e actualmente traballadora da Axencia Tributaria e opositora para técnico de finanzas da Xunta e técnico de Facenda do Estado. «O máis preto que estaba da política eran as conversas das sobremesas, nas que se arranxa o país en dúas horas. Pero creo que cometemos o erro de deixar que fixeran política por nós», afirma. É o mesmo caso que o de Adrián Fuenteseca, responsable da secretaría de equilibrio territorial. É técnico superior en Información e Comercialización Turística, con experiencia no sector e actualmente no paro. «Penso que é o momento de dar un paso adiante e comprometerse co cambio político que necesitamos», afirma. A súa implicación comezou co movemento 15-M. Foi o segundo candidato do consello municipal de Lugo máis votado.


Adrián Fuenteseca: "Saímos a gañar e notásenos, pero é porque eu penso que se dan as condicións; a proba é o nerviosismo que hai"

Neste momento, a secretaría de equilibrio territorial traballa en colaboración con colectivos da sociedade civil para identificar carencias e demandas. Para Podemos, o territorio rural é prioritario. Cre que Galicia «non se entende» sen esta parte, donde en cambio a formación ve moitas limitacións, tanto dende o punto de vista de acceso a servizos esenciais como da falta de estratexia fronte a un dos seus principais problemas, a despoboación. Fuenteseca conta con poder presentar propostas programáticas a partir do verán. 


FUTURO. Sobre o devir de Podemos, as expectativas xeradas e os resultados das dúas primeiras eleccións, os tres son bastantes coincidentes. A pesar de que nos últimos meses se percibe certo desencanto social coa formación, eles non o ven. «Ao contrario, creo que a xente ten postas moitas expectativas», di Campo. Castro considera que o nacemento de Podemos está sendo un proceso «tremendamente ilusionante» e que esa ilusión ás veces pode ser «un pouco cegadora». Aprézase no feito de que os primeiros resultados electorais saben a pouco, mesmo a algúns membros da formación, a pesar de que á primeira conseguiu cinco representantes na UE e 15 no Parlamento andaluz. Para este profesor, é todo un mérito, pero aínda o é máis a capacidade de transformación política e social que Podemos tivo incluso antes de ter representación institucional.

Para Fuenteseca, a clave é que a Podemos «nótaselle que sae a ganar», que non se conforma con ser «comparsa» ou «bisagra». A formación non oculta a ambición porque está convencida de que «se dan as condicións para o cambio político. A proba é o nerviosisimo que hai nos demais», conclúe.

Comentarios