Hai que dar a cara

Paseando pola cidade case que é imposible non fixarse nos cartaces electorais dos partidos que optan a facerse cun sitio no Parlamento Galego. Agás os de Nós-UP e o da FPG, o resto dos cartaces son fotografías dos diferentes candidatos pendurados das farolas con máis ou menos xeito, que algún que outro descolgado xa vin.

Todos me miran e véndenme a súa moto tentando convencerme coas que pretenden sexan frases memorables. Todos agás Touriño e Quintana. Eles non me miran e as súas razóns terán, eu atopo unha, así de pronto, pensando no que poideron facer e non fixeron, ao tempo que recomendo ver o documental Quilombo electoral de Carlos Taboada.

A cara tamén ma vira Feijóo, anque nalgún cartaz atrévese a regalarme os ollos sabendo que vai atopar a miña mirada meténdoo case no mesmo saco cos de UpyD e os terxiversadores (por non chamarlle mentireiros) de Galicia Bilingüe que, como lles poderían dicir os do colectivo Ronseltz, "non tedes nin puta idea do que é unha vaca". Ronseltz agromou nos 80 e por eses anos terían que ter quedado certo tipo de ideoloxías.

É así como os vexo: observándome os que queren unha oportunidade, o sucesor do gran derrocado nas últimas eleccións sen atreverse a mirarme á cara firmemente e escapando ante a posibilidade dun debate público a tres bandas e, por último, ignorándome, coa vista posta non se sabe onde, pensando non se sabe que, os ata agora Presidente e Vicepresidente.

Reflexiono antes da xornada de reflexión e decido que o meu non será un voto de castigo, se non un voto de confianza, pero quixera adicarlle a quen lle vou dar esa confianza, recurrindo de novo ao colectivo Ronseltz, uns versos  do último poema de Maiquel Llordan antes de adicarse definitivamente ao baloncesto que din así "Pero ti...ti nunca me miras/ ti nunca me escoitas."  Creo que Galicia é un pouco como Maiquel Llordan, se non a miras e non a escoitas...adícase a outra cousa.

Comentarios