El poeta lucense Luis Valle ultima el libro de haikus 'Trona, o merlo'

O escritor apunta que dá "continuidade" a 'As cicatrices do sol', que presentou en Lugo
Luis Valle firma un exemplar de 'As cicatrices do sol'
photo_camera Luis Valle firma un exemplar de 'As cicatrices do sol'

Luis Valle ultima un libro de haikus, ‘Trona, o merlo’, que publicará proximamente Barbantesa. O escritor lucense constata un cambio de ton neste poemario a respecto de todos os anteriores. «Gocei máis da escrita; que é máis de revelación, de iluminación», comenta, para engadir que nos outros «era máis dorosa».

«A observación da natureza e a capacidade para conmoverse» son dúas características destacadas en ‘Trona, o merlo’. Nese aspecto, o novo poemario manterá unha «continuidade» con ‘As cicatrices do sol’, o libro que presentou onte na librería Trama de Lugo en compañía de Isidro Novo e que foi publicado por Sotelo Blanco tras ser recoñecido co premio Lueiro Rey de poesía.

Sobre o título, explica que conta unha «crise» porque se refire «a ese momento central da vida» arredor dos corenta anos «no que o sol xa nos mancou, xa nos fixo cicatrices».

Os dous libros, a maiores, remiten ao resto dos que publicou Luis Valle que manifesta unha vontade de lograr conformar unha voz poética a través dunha obra que se poida ler como un conxunto, pero evitando caer «nese que se di de certos autores que escriben sempre unha obra única».

Esa liña que o poeta trata de manter para facer identificable a súa escrita non é autobiográfica, senón que vai guiada «por un eu poético con rasgos persoais» do propio Valle, aínda que non se corresponden cos seus». Unha idea que argumenta dicindo que non escribe sobre aconteceres seus, senón sobre cousas que lle acontecen a outras persoas coas que el se «compadece» coa súa «capacidade de comprender ou de asumir».

Comentarios