Escritores gallegos inaugurarán la alameda literaria del Castro da Uz

Manuel Rivas, Helena Villar Janeiro, Tucho Calvo ou Francisco Castro estarán no instituto
Alumnos do IES Castro da Uz das Pontes, na alameda literaria.
photo_camera Alumnos do IES Castro da Uz das Pontes, na alameda literaria.

Tras doce anos de traballo e paciencia, mentres as árbores trepaban cara o ceo e os alumnos ían cambiando, o IES Castro da Uz pontés inaugurará o 18 deste mes a súa alameda literaria das árbores celtas, un espazo cheo de maxia no que cada árbore cobra vida en homenaxe a un escritor galego. Media ducia deles, con nomes tan destacados no panorama literario como Manuel Rivas ou Helena Villar Janeiro, estarán presentes nun día para o recordo do centro educativo.

«Dende hai anos, o alumnado leva a cabo unha gratificante pero dura e intensa actividade, unha aventura que comenzou como un xogo», rezaban as cartas que permitindo «o gran atrevemento» se enviaron dende o centro aos escritores que forman parte dun proxecto que foi evolucionando ata converterse na actual alameda literaria.

A ilusión veuse recompensada e ao pouco tempo de ser enviadas as cartas, os alumnos comenzaron a recibir respostas dos autores, que a maiores apoiaron a iniciativa con entradas en publicacións nos seus blogs e noutros medios.

«Agardo que nada me faga perder esta festa. Paréceme precioso que se prolongue no tempo, máis aló da vida escolar, esa relación da rapazada co centro», respostou Tucho Calvo, que confirmou asistencia igual que Francisco Castro, «encantado e feliz» pola súa árbore», e Manuel Rivas, que alabou «unha idea marabillosa». Sumáronse ao convite tamén Fran Alonso, Begoña Martín ou Helena Villar Janeiro, que mostrou a súa satisfacción por un proxecto «tan novidoso e pedagóxico». Outros como Miro Villar ou María Lado felicitaron ao centro aínda que lamentaron non poder asistir.

O día 18, na alameda literaria do IES Castro da Uz pontés, haberá música en directo con Sofía Ramos e Elvira Candelas, e recitais de poemas con Cristina Souto, Alba Requeijo, Andrea Montero, Carlota Candelas, Ariana Goás e Víctor Leal, a maiores doutros moitos alumnos do centro, que estarán rodeados de escolares doutros colexios, como os nenos de Monte Caxado que fixeron a primeira visita externa.

Comentarios