de actualidad
Marcelo Marcelo
NOMES E ALCUMES 
Votacion: 
5 (1 voto)
Lugo 0

"Puxen Lugo ao meu primeiro fillo, que naceu aquí"

O Guedelliñas, nun equipo de Vilalba.

O Guedelliñas, nun equipo de Vilalba.

EL NOMBRECITO de Sochantre me lo encasquetó mi abuela debido a que, según ella, siempre protestaba por todo y me metía con mi hermano mayor, su preferido, porque por algo había sido sietemesino aunque, como se encargaba siempre de recordar, había nacido cuando mis padres llevaban más de un año casados, no fuera que los malpensados se pusiesen a echar cuentas con los dedos.

Carlos Varela Prieto / Lugo

No exame oral, o director do instituto, que presidía os exames, díxome: «¿Usted cómo se llama?» Respondín: «Manolo Fraga Iribarne». «Así firmó usted. Tiene que corregirlo. Tiene que poner Manuel». E eu corrixino alí mesmo.

Manuel Fraga Iribarne / Vilalba

Como o comezo das festas do San Froilán cadra, case sempre, co día do meu santo -que é o día catro de outubro- sentín, desde moi pequeno, a sensación de que, aínda que iso non figurase no programa oficial, tamén eu tiña algo de parte responsable nos aires de celebración cos que as xentes de Lugo recibían estas datas, que ben coñecida é esta tendencia infantil a personalizar todo aquilo que nos pode satisfacer dalgún xeito.

Paco Martín / Lugo

Como lle puxestes ao neno?, era a pregunta inicial. Se era guapo ou feo iso resultaba secundario pois o importante era darme o seu apego, a súa relación, e non podemos relacionarnos co próximo sen coñecer o seu nome! Acordándose de Belén, ofrecéndome á Sagrada Familia, puxéronme Xosé, con María; non omitiran o de Xesús pois a Xesús, ou máis exactamente a Xesús Cristo, tíveno desde o primeiro día, cravado naquela cruz de madeira que presidía a cociña, todas as cociñas.

Xosé María Gómez Vilabella / Castroverde

Dime unha rapaza, rianxeira e amiga, que lle puxo Froilán ao primeiro meniño sen imitar un nome principesco moi de moda. De nena, vía marchar uns lugueses veciños para a festa, e sentía envexa da viaxe que os satisfacía e ela non tiña razóns para emprender. Xa que logo, prometeu poñerlle o nome do santiño amansador do lobo a un fillo para levalo a celebrar a onomástica á cidade das murallas, canda toda a familia.

Helena Villar Janeiro / Lugo

Ramón Díaz Freijo, coñecido como O Médico dos Pobres, presidente do Partido Republicano durante anos, padriño de seu pai, era un ateo acérrimo. Miña avoa preguntoulle que nome lle poñería ao fillo, díxolle Jonás. Ela replicou que diso nada, que lle chamaría Juan. «Ti poñeraslle Juan, pero eu heille chamar Xonás». Aquel Xonás acabou derivando en Xanás e identificando ao pai, ao fillo e á familia enteira.

Jesús Fraga Balseiro ‘Xanás’ / Viveiro

Nacín en Lugo, o 18 de xullo de 1904, coma quen co século, e puxen Lugo ao meu primeiro fillo, que naceu aquí. Meus avós paternos eran da provincia; os maternos da Coruña. Meu pai marchara voluntario para o exército, tocoulle a cidade herculina e foi alí onde coñeceu a miña nai. Era un mozo arrichado, alto e de boa fasquía, que daquela quería facer carreira militar. Non a continuou por problemas de saúde. Casaron e, logo dun tempo, foron vivir para Lugo.

Manuel Meilán / Lugo

Chámome Xacinto, o único nome que se atopa nos tres reinos da natureza: a flor xacinto, no reino vexetal; o xacinto compostelano, que é cuarzo branco con betas roxas, no reino mineral; e eu mesmo, no reino animal.

Jacinto Regueira Alonso / Lugo

Chámome Xosé Luís Rivas Cruz. Nacín en Pacios, no Concello de Begonte (Lugo), ano 1951.

O meu sobrenome de Mini é de cando era mozote, que mo puxeron así por «miniárbitro», «minibarba», «minihistorias»... máis ca nada, por un alcume para un grupo musical, imitando aos Vetares daquela época dos nosos catorce anos. Para min, Mero é o meu compañeiro de sempre, compañeiro de penurias e ilusións, de andanzas... compañeiro e amigo, que é máis que compañeiro.

Xosé Luís Rivas Cruz / Begonte

Chámome Baldomero Iglesias Dobarrio. Son chairego de Vilalba. O de Mero, vénme de meu pai, que era o mero da Abilleira. Para min, Mini é o meu mellor amigo.

Baldomero Iglesias Dobarrio / Vilalba

Cando estaba no Seminario rompinme unha perna xogando ao fútbol. Teño que estar moito tempo na cama, leo e escribo moito. Daquela a Caixa Provincial convoca un concurso de narrativa. Preséntome.

Tiña que poñer un seudónimo e puxen Pucheiro. Levei o primeiro premio de narracións, e cando comecei a escribir en El Progreso, que por certo comezo aos 14 anos, asino como Pucheiro.

Afonso Eiré López / Riopedroso / Laxe / Chantada

Chamábase Zambra porque de pequeno partiuse unha perna, e daquela non existían médicos mañosos ou especialistas, tendo en conta o afastado do lugar de Feirol, en Xián, e o dificultoso de poder achegar alí a calquera facultativo ou menciñeiro.

Nesta situación, pódese asegurar que lle arreglara a rotura un veciño, máis ou menos capacitado para o traballo. O feito é que o noso home quedou ca perna torcida e dáballe un xeito de rumba ou zambo ao andar.

Jesús González (Abeledo) / Taboada

Manolo ‘O Grande’, como le conocen en Palas de Rei, se llama legalmente Jesús Pérez Villar, pero una confusión entre su padre y sus padrinos provocó que en el Registro Civil conste como Jesús, pero fuese bautizado como Manolo. A él le da igual y, a sus 97 (cumple 98 en mayo), contesta a cualquiera de sus dos nombres. Vive donde nació, en su casa del lugar de Penalonga, en la parroquia de San Xorxe de Augasantas, acompañado por su mujer, Evangelina Castrelo, de 89 años, y su hija.

Jesús Pérez Villar /Francisco García / Palas de Rei

Foi Antón García Hermida o que lle puxo o alcume a este poeta do que vos vou falar hoxe. E púxollo porque O Guedelliñas éravos iso talmente: un guedellas pequeneiro e feo. Era un cativo que tiña unhas guedellas longas, mouras e mestas, sempre en punta como un deses cepillos que se empregan para fregar o chan das casas que o teñen de madeira. Eran unhas guedellas que mesmo daba xenio velas, de xeito que Antón Ponte, que era o pai do cativo, púxolle ese alcume aínda que moi pouca xente o sabe ou si o sabía non se acorda.

Xosé Luis García Mato / Vilalba

O meu nome sufriu moitos cambios segundo de quen viñera. Na casa chamábanme José, ou o neno, o rapaz, o chaval. O Tomás da Casa de Matías, chamábame Manolito por asimilación, xa que meu pai é Manolo. Coñecíanse ben, estiveron xuntos en Suiza uns anos. O Pepe do Rulo, ou da Concha, chamábame José Manuel. José Manuel tamén foi aquí, no colexio. No Seminario, no que estiven tres anos, Losada (había que distinguir máis). Na mili; si, fun á mili, chamábanme Gallego; claro, coma todos os que saíamos da terra. No sindicato, Xosé Manuel, e cando cheguei á radio, á Cope, daquela Radio Popular, o meu querido amigo Marcial González Vigo chamoume Chema (debeulle parecer que era máis chic). Agora, xa case son máis Chema que outra cousa.

Chema Núñez Losada / Lugo

Antoloxía da Memoria de Lugo: El Progreso: luns, mércores e sábados. TeleLugo: martes, ás 22.00 horas. Reemisión diaria. Dirección: José de Cora. Imaxe: Memé Díaz. Ilustracións: Vinicius. Fotografía: Arquivo EP.

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.