Lista vermella de bens patrimoniais en perigo

Un proxecto sobre patrimonio alerta de 40 bens en "perigo inminente"

Entre eles están o castelo de Monterrei, o pazo do Espiño en Santiago ou o convento de Montecubeiro en Castroverde. Os creadores da iniciativa defínena como unha "wikipedia do patrimonio". Os colaboradores xa incluíron 6.700 fichas
Castillo de Monterrei, en Ourense
photo_camera Castillo de Monterrei, en Ourense

Máis de 40 bens patrimoniais están en "perigo" na comunidade, estiman os promotores de Patrimoniogalego.net, un proxecto colaborativo que naceu hai catro anos co obxectivo de catalogar bens culturais de carácter inmoble, principalmente, e dalos a coñecer. E tamén para alertar do perigo de destrución, desaparición ou alteración ao que están sometidos algúns deles, algo que agora a Xunta quere combater coa lei que regula o patrimonio cultural aprobada en marzo. Con ela, os concellos gañarán autonomía para autorizar actuacións nas áreas de influencia dos Bens de Interese Cultural (BIC), ademais de regulárense os patrimonios subacuático, industrial e científico.

A preocupación do Goberno autonómico é unha mostra de que existe esa realidade que vén denunciando Patrimoniogalego.net, que xa ten inventariados máis dun milleiro de cruceiros e igrexas distribuídos por toda a xeografía galega. Tamén, en menor medida, castros, dolmens, petroglifos, muíños, pazos, fontes, pontes, petos de ánimas e hórreos. En total, son máis de 7.300 as fichas incorporadas ao proxecto ideado polo profesor da USC Manuel Gago. Entre a corentena que os editores consideran "os máis vulnerables" e que incluén na denominada lista vermella figuran algúns tan coñecidos como o castelo de Monterrei, no centro da polémica polas obras para convertelo nun complexo hoteleiro. Ou o modernista pazo do Espiño, no corazón de Santiago, que supuxo unha das grandes leas urbanísticas da capital galega nos últimos anos e para o que existe un plan de rehabilitación municipal.

Como ocorre no catálogo xeral, son máis os bens inventariados nas provincias atlánticas, quizais, apuntan os promotores, pola "fenda dixital" entre costa e interior. Tamén na lista vermella se cumpre esta proporción. Así, mentres hai 21 pezas patrimoniais en risco na provincia de A Coruña e nove na de Pontevedra, a cifra baixa a sete e tres en Ourense e Lugo. Neste último caso, aparece o antigo convento de Montecubeiro, en Castroverde, levantado no baixomedievo, habitado no seu tempo por dominicos e hoxe en estado ruinoso e con alpendres de cemento no seu claustro. Esta é a descrición que fai o seu catalogador nunha ficha que inclúe datos como a tipoloxía do ben, a localización, a datación, a propiedade, o estado de conservación e fotos.

Tamén na provincia lucense destaca un dos poucos xacementos arqueolóxicos catalogados: a necrópole de Coeses, que saíu á luz durante os traballos de construción da A-54 entre Lugo e Santiago. Trátase dun túmulo duns 60 metros de diámetro con foxo que, segundo alertan, corre "grave perigo" ao non variar Fomento completamente o trazado da autovía, aínda que a Dirección Xeral de Patrimonio sostén que a parte máis relevante se conservou.

COLABORAR. Coa intención de ser unha "wikipedia" do patrimonio galego, o proxecto pon a disposición de calquera cidadán impresos onde anotar as características do ben en cuestión. Logo poden subir a ficha ao inventario en liña. De non figurar toda a información, os propios editores encárganse de contrastala e completala. Se non é así, a ficha queda en suspenso. "Nisto funcionamos ao contrario que a Wikipedia, onde se corrixen os contidos a posteriori", explican desde o portal, aínda que engaden que, en todo caso, calquera usuario con nova información pode contribuír a "enriquecelos".

FÉLIX ARGUNDE. O proxecto, explica Félix Aragunde, un dos seus colaboradores e tamén dos seus responsables de comunicación, non nace con ánimo de "confrontarse" coas institucións, senón cun carácter "construtivo e positivo" para suplir unha carencia, a da falta dun catálogo patrimonial galego en liña. Hai rexistros da Administración pública con "moitos máis bens" inventariados, sinala, pero son de "difícil acceso".

"Na sociedade da información na que vivimos existen outras fórmulas baseadas na tecnoloxía que poden satisfacer mellor as demandas da poboación con respecto ao coñecemento dos bens culturais", razoa Aragunde, quen, pese a iso, asegura que o proxecto "non é un tirón de orellas a ninguén". Iso si, no caso da lista vermella admite un obxectivo de "chamar a atención" para que os poderes públicos actúen "de xeito activo" para salvar uns bens que os promotores consideran en serio perigo.

Ante a pregunta de se está a cidadanía galega concienciada co patrimonio que a rodea, a resposta é contundente: "Madialeva". E a partires de aí cita os numerosos particulares e asociacións que están a contribuír co proxecto. "Vemos como, pouco a pouco, Patrimoniogalego.net vai tornando nun punto de encontro para algúns deses colectivos comarcais que buscan poñer en valor os cruceiros, os hórreos, as igrexas, os pazos, os castros ou as mámoas que se conservan nas súas bisbarras", explica Aragunde.

Entre os máis de 7.300 bens catalogados polos cidadáns hai desde restos arqueolóxicos ata edificios ou inmobles singulares datados no século pasado. Están repartidos por 300 dos 314 concellos galegos, pero tamén é verdade que hai certa asimetría en canto ás catalogacións por zonas. "Vigo e Pontevedra, con máis de 200 fichas localizadas en cada unha das cidades, son os termos municipais con maior representación no catálogo, ao igual que acontece coas súas respectivas comarcas", apunta Aragunde, quen establece un obxectivo: "Abranguer todo o territorio galego, con independencia da fenda dixital que divide o país e que se manifesta no desigual número de bens inventariados segundo de que rexión se trate".

Comentarios