Portugal, Escocia, Puerto Rico y Galicia confluyen en Pardiñas

O programa do festival guitiricense completarase con artesanía, unha carreira popular, obradoiros de oficios e coa XXII Mostra de Instrumentos de Música Tradicional da Asociación de Gaiteiros Galegos
A cantautora galega Sés actuará o domingo no Festival de Pardiñas.
photo_camera A cantautora galega Sés actuará o domingo no Festival de Pardiñas.

A MÚSICA, nas súas múltiples formas de expresión, volve ser a gran protagonista do XXXVI Festival de Pardiñas, onde cos ritmos propios confluirán outros chegados dende Portugal, Escocia e mesmo Puerto Rico.

O sábado día 1 de agosto serán os tambores da formación local Bloquinho de Xermolos os encargados de abrir, ás 21.30 horas, a primeira noite de concertos, na que tamén actuarán os galegos Habelas Hainas, os escoceses The Dogrose, os portugueses Oquestrada e se encargarán de pechar os tamén galegos Nao.

O domingo 2 de agosto a animación comezará ás 20.00 horas da man dos portorriqueños Segunda Quimbamba, uns namorados do festival que ata chegaron a organizar actividades no seu país para poder custearse parte da viaxe e da estadía en Galicia. O cartel complétase con tres referentes da música galega: Os D’'Abaixo, Sés e O Sonoro Maxín.

Pero na Feira e Festa da Música e da Arte non só hai música, como cada ano demostra o variado programa de actividades complementarias. O sábado ás 19.00 horas será a tradicional Carreira Popular, tan veterana coma o propio festival, e ao longo de todo o fin de semana haberá ducias de postos na igualmente tradicional Mostra de Artesanía.

A novidade porana os ‘Oficios Vivos’, un obradoiros abertos a nenos de todas as idades na que canteiros ou ferreiros darán a coñecer en talleres prácticos os segredos dos seus traballos.

E Pardiñas non sería o mesmo sen o pregón, e o concurso de debuxo e narrativa. Por iso, ás 19.00 horas do domingo a mestra Antía Cal, unha asidua do festival, «poderá transmitir o que significa para ela» este espazo de creatividade, tal e como salientou o coordinador de Xermolos, Alfonso Blanco. A continuación, farase entrega de preto de cen premios do XXXVI Certame Terra Chá, no que participaron máis de 1.200 traballos de 53 colexios galegos.

Dúas décadas

Convivindo en perfecta harmonía con Pardiñas leva exactamente 22 anos a Mostra de Instrumentos de Música Tradicional que organiza a Asociación de Gaiteiros Galegos. Ao pé do balneario, máis dunha vintena de artistas sumaranse a esta exposición que se inaugurará o sábado ás 17.00 horas co pregón do investigador Clodio González. Unha vez finalizada a súa intevención levarase a cabo a presentación dun libro disco do que son autores Pablo Quintana e Daniel Carballo, dedicado ao músico Desiderio Sampayo Rico, máis coñecido como Siderio de Vilarmide, que tamén ofrecerá un recital.

Non serán as únicas expresións musicais ou literarias da mostra, xa que haberá concertos de Pelepau, o sábado, e das Lagharteiras, o domingo. A maiores asinarán libros o poeta local Jaki Quintela e o escritor Xosé Lois García.

O programa inclúe tamén obradoiros de treboada, a cargo de Oli Xiraldez, e de baile, con Javier Sanmartín, e o sorteo de varios instrumentos -pandeiro, pandeira, pandeireta, castañolas e tarrañolas- no que se poderá participar adquirindo rifas por dous euros.

E como toda peza debe ter un preludio, o Festival de Pardiñas comezará mañá polas rúas e os bares de Guitiriz, onde terán lugar os ‘Cantos de Taberna’, no que varios grupos musicais animarán a véspera desta Festa de Interese Turístico Galego.

Comentarios