Unhas 300 persoas quedaron fóra do concerto de Ses en Monforte por falta de aforo

A actuación fora trasladada dende a Praza de España ao edficio multiusos, que conta con 470 butacas, debido á choiva

A choiva non se leva ben coas festas de Monforte. Despois de catro meses sen caer unha pinga, a auga das últimas dúas xornadas pasoulle factura aos actos que se celebran estes días na cidade con motivo das patronais. O mércores o mal tempo estragou o segundo pase da orquestra Olympus e este xoves pasoulle algo similar ao concerto de Sés. Unhas 300 personas non puideron gozar da actuación porque o auditorio no que se celebrou quedou pequeno. Gran parte dos espectadores que quedaron fóra protagonizaron unha enérxica protesta pola situación.

O recital de Sés estaba programado para as 23.00 horas do xoves na Praza de España, pero seis horas antes chovía tanto que a banda que acompaña a Sés, o seu equipo de montaxe e o goberno municipal decidiron trasladar o evento ao edificio multiusos, que conta con 470 butacas. Abríronse as portas ás 22.30 horas e a sala foise ocupando por orde de chegada. Media hora máis tarde xa estaba todo cheo, quedaba algo de oco nos corredores do auditorio pero por motivos de seguridade non podían ocuparse. Sés saíu ao escenario con vinte minutos de retraso e comezou a cantar temas do seu último disco, Tronzar os valos, ante un público moi entregado. Non é habitual escoitar a Sés sentado en butaca, pero o equipo logrou axustar o volume da música ao entorno para que o concerto fora adecuado á sala sen renunciar nin un chisco á identidade da bergantiñana.

O problema estaba fóra, esas 300 personas que xa non poideron acceder ao concerto por falta de sitio non se conformaron e deixaron patentes as súas queixas ante os técnicos que lles explicaron que dentro non sera seguro estar tanta xente. Houbo apupos e berros de disconformidade, incluso algún recordou aqueles episodios que tiñan lugar hai máis de dúas décadas en Monforte cando os concertos eran de pago na pista da Compañía e quedaba xente fóra.

Pero os técnicos non cederon e a xente foise dispersando, finalmente un grupo dunhas 50 persoas puido entrar e escoitar os últimos temas do recital dende o corredor.

Pese á polémica, o concerto non se resentiu e dentro da sala todo seguiu a orde prevista. A cantante agasallou ao público cunha vintena de temas e con varios alegatos en contra da violencia de xénero ou a favor do independentismo. No último tramo do recital, despois de entoar temas como Tempestades de sal, Unha mañá de setembro, ou Labregha bergantiñana, o público optou por levantarse de rendirlle unha sentida ovación.

Comentarios