"A actriz de Castroverde Mercedes Cora chamouse así pola miña familia"

José de Cora presentou onte o libro ‘'De Montecubeiro a Monteparnaso'’ sobre a intérprete á que se lle dedica a Semana Internacional de Cine de Autor, que se está celebrando en Lugo
De esquerda a dereita, José de Cora, Carme Basadre, Manuel Curiel e Gómez Vilabella
photo_camera De esquerda a dereita, José de Cora, Carme Basadre, Manuel Curiel e Gómez Vilabella

O escritor e periodista José de Cora presentou onte en Lugo o libro sobre a actriz Mercedes Cora, que escribiu Manuel Curiel co gallo de que se lle dedica a edición deste ano da Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo.

A artista chamábase Josefina Carrodeguas e adoptou o alcume artístico de Mercedes Cora. «Chamouse así pola miña familia», indicou José de Cora antes de lanzar algunhas ideas que explican que optase por ese nome para traballar nas once películas nas que se pode vela.

José de Cora: "Nos anos nos que Josefina Carrodeguas iniciaba a súa carreira, Julia Minguillón retrata a Mercedes Cora"

A nai do xornalista, Eva Paradela, era da parroquia de Monte, en Castroverde, e Mercedes Cora, da parroquia de Berlán, no mesmo concello, «e eran coetáneas, polo que é probable que se coñeceran dado que, entre Monte e Merlán hai un punto que é o centro, Castroverde». Prosegiu considerando probable que «Josefina Carrodeguas, que estaba no Teatro Español Universitario, e Eva Paradela, que era filla do médico que cubría o concello de Castroverde se coñecesen», contando a maiores que Eva Paradela adoitaba a axudar ao seu pai no traballo. A nai de José de Cora Paradela era nese tempo noiva de Purificación de Cora.

O periodista considera que o trienio entre 1949 e 1951 pode ser definitivo para explicar a orixe do cambio de nome de Josefina Carrodeguas. «Neses anos está a punto de iniciar a súa carreira e Julia Minguillón fai un retrato de Mercedes Cora, unha familiar miña», apuntou. Ese lenzo foi enviado a unha exposición en Vigo. De Cora non desbota que Josefina Carrodeguas coñecese a obra na que se ve «unha dama da alta sociedade» e se inspirase nesa peza para chamarse igual ca retratada.

PÓRTICO. José de Cora engadiu que soubo da actriz por unha película proxectada na Semana de Cine no 2010. A intérprete formaba parte do reparto de ‘El Pórtico de la Gloria’ (1953), de Rafael Salvia. A partir de aí, puido ampliar a información no blog de Xosé María Gómez Vilabella, que é curmán de Josefina Carrodeguas.

Xosé María Gómez Vilabella: "Naquela miseria moral e material na que se vivía en 1939 o futuro era escuro, pero alentador"

O autor da bitácora comentou que «naquela miseria moral e material na que se vivía en 1939», cando el tiña nove anos, e Josefina, once, «o futuro era escuro, pero alentador».

Gómez Vilabella foi «dunha grande axuda» para Manuel Curiel na realización do libro sobre Mercedes Cora porque lle deu moitas fotografías da artista. «As dúbidas que tiñamos sobre a filmografía resolvinas cun par de días na Filmoteca Nacional», asegurou.

A concelleira Carmen Basadre resaltou que Mercedes Cora foi «unha muller pioneira e avanzada para aquela época», facendo fincapé no seu interese por lograr unha formación completa.

O traballo da actriz de Castroverde puido ser visto onte coa proxección da película ‘La hermana San Sulpicio’ (1952), que foi dirixida por Luis Lucía. Familiares da actriz asistiron á función, na que se agasallou cun exemplar de ‘De Montecubeiro a Monteparnaso’ para que poidan coñecer mellor á actriz.

O ciclo continúa este mércores co pase da película ‘Gloria Mairena’, tamén do realizador Luis Lucía. A proxección está programada para as 20.00 horas no Pazo de San Marcos de Lugo.

Comentarios