DESTA VOLTA, a máis leda do grupo semellaba ser a Vanesa, que viña como eleutrificada, pegando chimpos, cos ollos ben abertos e un sorriso de vaca lambida.
-Agardaba a chegada deste día coa mesma ilusión coa que agardo todos os anos o desfile das Vitorias Secret pra saber como vén a moda dos suxeitadores; se traen moita copa, se son traslúcidos, ou se manda a trendenza do vermello...
-Eu tamén miro moito prás pícaras do desfile -comenta o Pelúdez-, pero nunca reparo no que levan, senón no que non levan.
-O que vas levar ti é unha zafranada miña, como saiba eu que te relambes coas tó models -páralle os pés a Filo.
-E logo, que ten o día de hoxe que non tivera o de onte?
-Hoxe imparten un cursiño de brequedance que non mo perdo por nada do mundo. Asinque teredes que termar da Piliña e mais do Jarrison.
-Pois menuda novidade! Xa termamos deles todos os días cando ides de noite a pernichoquear nas verbenas.
-Iso é unha obriga de avós.
-E a de hoxe que é? Unha obriga de sogros?
-Non, un colaboracionismo pro meu desenvolvemento cultural.
O Pelúdez cala e todos collemos o camiño do Seminario. A ver quen era quen de contrariar á Vanesa...!
Saíndo da muralla polo Campo Castelo viña da parte de fóra unha señora cun can que me fai lembrar ao único membro da familia que non vira este ano.
_E o Lugh? Onde deixaches o can?
-Quedou cos veciños ben atendido. Como había un prognóstico de tanta auga e o can aborrece mollarse, deixámolo cos Pita, sempre que o suban canda eles ao leito.
-Dorme con vós?
-Dende o primeiro día. Niso está moi ben acostumado; non coma Vanesa, que sae todas as noites.
Detrás da señora, xa na Ronda, viñan José Conde e mailo conde de Fontao, aos que Pelúdez detén, como non podía ser dou- tro xeito, falando de xente coñecida.
-É a primeira vez na miña vida que vexo dous condes xuntos! Veñan dúas apertas, reconde!
Os tipos devolven o saúdo e reparten bicos entre toda a cotropea, pero cando xa marchaban, a Filomena quere saber de El-Rei e pregúntalle.
-Escoite, Fontao; con toda a venia, como está a Súa Maxestade, o pai?
-Ben, está moi ben.
-Pois dígalle da nosa parte que veña ás festas do vindeiro ano, que agora non terá a axenda tan premida e daquela convidámolo de boa gana a unha larpeirada de cienfalópodo.
-Así o farei.
Pelúdez vai máis aló.
-E xa que estamos así, en confianza, por que non veñen canda nós ao Seminario? A Vanesa vai recibir un adoutrinamento de non sei que cousa que seguro que en Madrí non a teñen.
-Ai, si, si! -emociónase a rapaza-. Devezo traballar con público!
-Está ben -di o home-. Aínda faltan dúas horas pró acto.
E dese xeito chegamos ao patio os dez festeiros. Cando a muller formaliza a súa participación, Pelúdez tamén fai a inscripción e o monitor, Bboy Pablo, pásaos á pista. Fálalles catro cousas e comeza a soar a música.
Sen saber como, logo duns choutos moi ben marcados, o sogro e a nora están dando voltas coa cachola no chan. De alí saen todos os pasos. O top rock, o freeze, o power move, e o kata plun, que é o último, cando o Pelúdez dá cos fociños na lona e volve canda nós coas mans ao lombo.
-Esmaguei cantos ósos teño e algún máis que han ser doutra xente. Miña madriña querida! Se non crin quedar invalidado pró pasodobre!
A Vanesa baila aínda outra media hora sen ningún problema.
-O segredo está en manter ergueito o núcleo irradiador -di ela ao rematar.
-Tas feita unha Errejona -contesta o Peludeciño a xeito de brincadeira.
Os condes despídense moi amables e nós pasamos á Horta do Seminario para coller sitio no concerto dos M-Clan.
-Hoxe estou a apañar ben de puntos pró choio da bietificación.
-Por que o dis?-pregúntalle a Filomena.
-Home! Imos de Seminario en Seminario coma os cregos, cando pasaban do Menor ao Maior.
-Aí si que atinaches.