"Láncara é un paraíso"

BASILIO LOSADA ► O catedrático Basilio Losada deixou Láncara con só 5 anos, aínda que para el sempre será "un paraíso". Esta terra, que desde entón continúa na súa memoria e á que volta habitualmente, réndelle hoxe tributo coa entrega do premio Ramón Piñeiro, Facer País
Basilio Losada, ante a casa de turismo rural de Láncara
photo_camera Basilio Losada, ante a casa de turismo rural de Láncara

Malia que tiña tan só cinco anos de idade cando marchou vivir fóra de Láncara, para o catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa, tradutor e escritor Basilio Losada o concello continúa a ser "a miña terra". "É un paraíso", afirma.

Sempre levou "dentro" a Galicia e recorda o núcleo da Penaboa, na parroquia de Ronfe, onde viviu cos seus pais. "Levei aquela paisaxe, aquela terra, aínda a recordo cando paso por Láncara, pola Penaboa. Iso é a miña vida", conta este mestre que hoxe será honrado no seu paraíso coa entrega do premio Ramón Piñeiro, Facer País.

Despois de emigrar voltaba á súa terra nas vacacións. "Iamos a aldea e era o meu paraíso. Aínda penso e digo isto moitas veces, cando abría unha fiestra da miña casa xa vía toda a fermosura do mundo", asegura. Volver a Láncara complicouse co paso do tempo a causa dos seus estudos e do traballo, o que levou a que "pasara anos sen volver". Aínda así, di, "sempre estaba na memoria".

Para o catedrático de Filoloxía, aqueles anos "construíron a miña prehistoria, que é a historia, a base de cada un".

A distancia non impediu que estivera en contacto con xente galega, coma Ramón Piñeiro, outro lancarés, quen lle dá nome ó premio que hoxe recibe Basilio Losada. Con este mantivo correspondencia, que hai uns anos foi recollida nun libro, recorda.

Agora, con 85 anos, "vou para 86 e estou xubilado de todas as miñas actividades". Entre elas están 40 anos como catedrático da Universidade de Barcelona -foi o primeiro catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa deste centro-, traballos nas universidades de California, Knox ou Illinois e cursos de verán en Amberes. Ademais, traduciu libros de autores como Saramago, Rosalía de Castro ou Jorge Amado.

O Fillo Predilecto de Láncara recolle hoxe en Carracedo o premio Ramón Piñeiro, Facer País de mans de Marica Campo

Asegura estar vivindo "unha ancianidade moi activa", na que houbo "sorpresas" coma a de ingresar na Real Academia Galega como membro de honra. "Recibo galardóns e esas cousas danlle a un a impresión de que a súa vida non foi un baleiro, foi chea de esperanzas", afirma o catedrático, quen tamén é Fillo Predilecto do concello de Láncara.

Hoxe ese "paraíso" que é para el Láncara réndelle un tributo coa entrega do Ramón Piñeiro, Facer País, convocado pola asociación cultural Val de Láncara. Un premio que recibiu "cunha enorme sorpresa". "Agora, retirado, cáenme honores", di o tradutor, aínda que, chegado desde Láncara, resulta para el máis especial.

Os actos da entrega do galardón comenzarán hoxe, ás 11.00 horas, na casa do concello da Pobra de San Xiao, onde o catedrático será recibido por membros da corporación e da asociación convocante do premio. Posteriormente, trasladaranse ata San Pedro de Láncara para visitar a casa paterna de Fidel e Raúl Castro. Carracedo albergará a partir das 13.45 horas a entrega do Facer País cun acto presentado pola xornalista de El Progreso Marta Veiga Izaguirre.

Tras un repaso pola figura do homenaxeado a cargo do sarriao Xaime Félix López Arias, Basilio Losada recibirá o premio de mans de Marica Campo. O evento rematará cun xantar e cunha mesa redonda para conmemorar o centenario do nacemento de Ramón Piñeiro. Esta última está prevista para as 17.00 horas.

Comentarios