Premios á innovación educativa

A comunidade educativa do instituto de Guitiriz IES Poeta Díaz Castro vén de vivir unha xornada inesquecible, na que non só foi recoñecido o seu labor coa creación audiovisual 'Os Camiños Esquencidos' no Ouff Escola 2015, senón que tamén se lles comunicou que o proxecto interdisciplinar da biblioteca do centro vén de gañar un premio nacional
A comitiva guitiricense da curta 'Os Camiños Esquencidos', no festival de Ourense
photo_camera A comitiva guitiricense da curta 'Os Camiños Esquencidos', no festival de Ourense

O luns 16 de novembro será unha xornada gravada na memoria de todos os que conforman a comunidade educativa do IES Poeta Díaz Castro, o día no que non un, senón dous premios, veñen a recoñecer o esforzo que mestres, alumnos, persoal non docente, familias e mesmo veciños levan a facer nos últimos cursos, con Xosé María Díaz Castro como punto de partida cara a un horizonte infinito de propostas.

O máis tanxible e inmediato é o recoñecemento recibido pola curtametraxe ‘Os Camiños Esquencidos’ no apartado escolar do XX Festival de Cine Internacional de Ourense. Levou o primeiro premio no VI OUFF Escola 2015, o que se traduce nunha gratificación de 600 euros e, sobre todo, nun motivo para sentirse orgullosos do traballo ben feito.

Un grupo dunhas 50 persoas, no que figura todo o equipo técnico e artístico que colaborou no proxecto, desprazouse onte á cidade das Burgas para vivir en directo a entrega de premios no auditorio municipal ourensán, na que competían na modalidade de ensino non universitario -educación infantil e primaria contan cunha categoría propia-.

«Estamos moi satisfeitos», asegura a directora do instituto, Olga Aguiar, quen cre que á hora de escoller a súa proposta audiovisual tiveron en conta «que se trata dun traballo documental ficcionado, cun guión complexo que está ben encadeado e cunha realización moi coidada».

O premio resulta especialmente gratificante polo carácter interdisciplinar que tivo o traballo de preparación, gravación e montaxe, coa implicación de moita xente allea ao día a día do centro, e que os levou mesmo a montar unha romaría coma as de antes na casa natal de Xosé María Díaz Castro, no Vilariño.

Cine Un grupo de 50 persoas viaxou a Ourense para recibir o primeiro premio do festival escolar, dotado con 600 euros

E se lograr impoñerse nun certame que bateu récords coa participación de 136 proxectos que involucraron a máis de 2.300 estudantes, que se pode dicir dun premio a nivel nacional. Porque si, onte tamén foi o día escollido polo Ministerio de Educación para comunicarlle á biblioteca do centro guitiricense a concesión dun premio nacional, na modalidade de centros de secundaria, polo proxecto arredor de Díaz Castro desenvolvido nos últimos cursos.

«É un premio á traxectoria dos últimos anos, ao papel que ten a biblioteca como dinamizadora do centro», precisa Olga Aguiar, que lembra que tanto a curtametraxe ‘Os Camiños Esquencidos’ coma o documental realizado no 2013, ‘A lus do mundo’, ou os roteiros didácticos guiados polo Guitiriz de Díaz Castro -’A fábrica dos poetas’ e ‘Un neno de aldea’- son os froitos máis visibles do proxecto.

Nacional A curta, o documental ‘A lus do mundo’ ou un roteiro didáctico forman parte do proxecto distinguido polo Ministerio de Educación

Porén, o traballo desenvolvido no IES conta con moitos máis fíos dos que se foi tirando. Algúns, con iniciativas dun só día, outros, con proxectos que peduran no tempo, coma a musicalización de poemas de Díaz Castro, convertidos en himnos nos actos do centro e tamén máis alá das portas deste.

E é que a interactividade, a interdisciplinariedade ou a aprendizaxe significativa son palabras ou expresións que forman parte do vocabulario diario dun instituto que hai xa anos que apostou pola innovación educativa á hora de afrontar todas as materias que figuran no currículo lectivo, buscando nexos entre elas e, sobre todo e se cabe máis importante, co contexto e co contorno que rodea a un centro educativo que suma 205 alumnos de secundaria e de bacharelato dos que se responsabilizan un total de 30 profesores.

«Queremos que os nenos se formen na innovación educativa», resume a directora do IES Poeta Díaz Castro, de volta no autobús dende Ourense, mergullada no balbordo de medio cento de corazóns felices e matinando xa no seguinte paso a dar: «Temos que facer algo, un acto para trasmitirlles aos nenos e ás súas familias a importancia que ten este premio nacional».

Aínda que Díaz Castro non era nada amigo dos protagonismos e prefería vivir con discreción e humildade, seguro que estaría orgulloso do bo uso que andan a facer do seu nome eses nenos dos que tanto lle gustaba rodearse. E quizais completase o «estamos moi, moi, moi contentos», de Aguiar cun dos seus versos eternos.

Comentarios