A RAG: "Moitos percibimos que Balbino tiña razón cando dicía que no mundo non debería haber pobres"

A Real Academia Galega lamenta o pasamento de Neira Vilas, a quen define como "unha escola de concienciación idiomática"

A Real Academia Galega (RAG) expresou este venres e o seu profundo pesar pola morte de Xosé Neira Vilas, membro de número desta institución e autor de Memorias dun neno labrego, a novela galega "máis lida e traducida" e que "foi unha escola de concienciación idiomática".

Nun comunicado, o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, destaca que o escritor natural de Gres (Pontevedra) deixa un importante legado ás letras galegas, do que forma parte esta obra, que supuxo "un encontro solidario coas clases subalternas da aldea galega".

"Miles de lectores namorámonos de Eladia e outros miles percibiron que Balbino tiña razón cando dicía que no mundo non debería haber pobres", proseguiu Montero.

Pero Neira Vilas, continúa, é "moito máis" que o creador de Balbino, pois como escritor é autor doutras obras destacadas que van da narrativa e a poesía ao ensaio, como as novelas Xente no rodicio ou Aqueles anos de Moncho, os libros infantís Cartas a Lelo ou O cabaliño de buxo, e os poemarios Xente ao lonxe ou Poesía recadada.

Ademais, nos anos nos que viviu en Arxentina e Cuba foi un "traballador incansable en prol da memoria na emigración" e, neste sentido, creou o fondo bibliográfico máis importante de Latinoamérica sobre Galicia.

De volta a Galicia en 1992, Neira Vilas mantivo unha intensa actividade cultural a través da fundación que leva o seu nome e colaborou ata o último momento cos seus artigos en prensa, outra parte da ampla herdanza que deixa "o noso Balbino, o fillo de labregos que nos ensinou que a rebeldía sempre pode ser a chave dun futuro mellor".

Este venres pola tarde instalarase en San Domingos de Bonaval, en Compostela, a capela ardente do escritor, que recibirá o sábado sepultura en Gres ás 17:30 horas.

Comentarios